Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para o espectáculo “O son que me arrola” da Asociación Antonio Gandoy

Xoves, 23 de novembro de 2023

O programa Apego prosegue coas súas propostas durante o mes de novembro. Desta volta, ábrese a inscrición para participar no espectáculo de estimulación sonora “O son que me arrola”, da Asociación Antonio Gandoy, que se vai desenvolver no Pazo da Peregrina o venres 1 de decembro, ás 18.00 horas. Os/as interesados/as en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal ata o 30 de novembro, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o último semestre do 2023 pode consultarse premendo nesta ligazón.

Este xoves, 23 de novembro, abre o prazo de inscrición para a actividade “O son que me arrola”, unha proposta de estimulación sonora con música en directo da Asociación Antonio Gandoy. Esta actividade pretende que as crianzas e as familias se acheguen á lingua a través da música e que exploren, experimenten e coñezan a nosa cultura da man de cantos de berce, cancións, lerias, xogos, instrumentación...

Este espectáculo realizarase no Pazo da Peregrina o venres 1 de decembro, ás 18.00 horas. Está dirixido a familias con crianzas de 0 a 6 anos. É unha actividade de balde pero é preciso inscribirse canto antes.

As persoas interesadas en inscribirse só teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que vaian participar. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe ata o vindeiro xoves, día 30 de novembro. As prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes, e non se admitirán inscricións fóra do período de inscricións.

“Mulleres de Pedra” de María da Pontragha
Por outra banda, aínda quedan prazas libres para a sesión de contos “Mulleres de pedra”, con María da Pontragha, que se vai realizar este venres 24 de novembro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dun espectáculo para nenos e nenas a partir dos 3 anos no que se narran contos e historias de mulleres fortes e eternas.

Para inscribirse nesta actividade hai que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indique o nome e apelidos das persoas participantes, así como un teléfono de contacto e as idades dos cativos e cativas que acudan. A inscrición estará aberta ata completar aforo. Esta actividade enmárcase dentro do programa Apego e da programación “Novembro Cultural” elaborada con motivo da celebración de Santa Icía e do 25N.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.

As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Aberto o prazo de inscrición para o espectáculo “O son que me arrola” da Asociación Antonio Gandoy

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición para o espectáculo “O son que me arrola” da Asociación Antonio Gandoy