- Tematica
O programa Apego prosegue coas súas propostas durante o mes de outubro. Desta volta, ábrese a inscrición para participar no espectáculo musical “Palabras”, de Baobab Teatro, que se vai desenvolver na Casa da Cultura de Bertamiráns o vindeiro venres, 20 de outubro, ás 18:00 horas. Os/as interesados/as en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal ata o 19 de outubro, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o último semestre do 2023 pode consultarse premendo nesta ligazón.
O espectáculo “Palabras” de Baobab Teatro, é unha viaxe a través da música na que aprenderemos unha presada de xogos e cancións para seguir espallando lingua de boca en boca ao tempo que xogamos, rimos e bailamos. Esta proposta pretende achegarlles ás familias ditos, xogos e cantos de tradición oral para enriquecer a crianza con recursos divertidos que poidamos utilizar no tempo que compartimos cos nosos nenos e nenas.
A actividade será o venres, 20 de outubro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns e está pensada para familias con crianzas de entre 1 e 8 anos de idade, aproximadamente.
Participar é de balde, e as persoas interesadas en inscribirse só teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que vaian participar. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe, día 11 de outubro, ata o vindeiro xoves, día 19. As prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes, e non se admitirán inscricións fóra do período de inscricións.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.
As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.