Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro de arrolos “Tecendo soños”, do programa Apego, que terá lugar o venres, 24 de marzo

Xoves, 16 de marzo de 2023

A última das propostas do programa Apego para o mes de marzo é o obradoiro de arrolos “Tecendo soños”, que se desenvolverá o venres, 24 de marzo na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. O taller xirará arredor dos cantos da tradición oral e da estimulación musical e sensorial axeitada para os nenos e nenas. A actividade diríxese a familias que están agardando un bebé ou que teñan crianzas de entre 0 e 3 anos, e o prazo para anotarse está aberto dende hoxe, xoves 16, ata o vindeiro 23 de marzo. As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indique nome, apelidos, idades dos rapaces/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2023 pode consultarse premendo nesta ligazón.

O obradoiro correrá a cargo de Esperanza Mara, artista e creadora multidisciplinar dobremente licenciada en música na variante de canto e violonchelo. Mara trata, a través das súas sesións, de crear un espazo de convivencia e de aprendizaxe para os máis cativos e as súas familias. Así, propón diversas actividades musicais e musicoterapéuticas, e forma en cantos de arrolar de tradición oral. Ademais, propicia un espazo de intercambio de información sobre a crianza e o apego nas primeiras etapas de vida dos nenos e nenas.

“Tecendo soños” é un proxecto cultural que xurdiu do estudo e da divulgación do patrimonio inmaterial de tradición oral e, especialmente, dos cantos de arrolar.

O taller é de balde, e as familias interesadas en participar deben enviar un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indique nome e apelidos dos asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que vaian a acudir. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe, 16 de marzo, e ata o vindeiro xoves, día 23. As prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.

As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Cartaz do obradoiro "Tecendo soños"

Multimedia

  • Cartaz do obradoiro "Tecendo soños"