Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro musical “Prende no colo” de Luís Prego e Samuel Soto

Mércores, 24 de xaneiro de 2024

O programa Apego arranca o seu programa de actividades o vindeiro mes de febreiro co obradoiro musical “Prende no colo”, de Luís Prego e Samuel Soto, que se vai desenvolver no Pazo da Peregrina de Bertamiráns o xoves 1 de febreiro, ás 18:00 horas. Os/as interesados/as en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal desde hoxe e ata o 31 de xaneiro, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre do 2024 pode consultarse premendo nesta ligazón.

Hoxe, 24 de xaneiro, abre o prazo de inscrición para a actividade “Prende no colo”, un obradoiro musical impartido por Luís Prego e Samuel Soto para aprender cantigas, cantos de berce, xogos de dedos, recitados e outras pezas musicais pensadas para iniciar as crianzas na linguaxe, no ritmo e na melodía.

Este obradoiro realizarase no Pazo da Peregrina o xoves 1 de febreiro, ás 18.00 horas. Está dirixido a familias con crianzas de 0 a 3 anos. É unha actividade de balde pero é preciso inscribirse canto antes.

As persoas interesadas en inscribirse só teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que vaian participar. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe ata o vindeiro 31 de xaneiro. As prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes, e non se admitirán inscricións fóra do período de inscricións.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.

As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro musical “Prende no colo” de Luís Prego e Samuel Soto

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro musical “Prende no colo” de Luís Prego e Samuel Soto