Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para participar do V Camiño da Diversidade

Venres, 04 de outubro de 2019

Desde o ano 2015, a Fundación INGADA realiza o Camiño da Diversidade, unha actividade educativa e de lecer que se desenvolverá o sábado, 12 de outubro, e que ten como finalidade potenciar os valores de solidariedade, compañeirismo, respeto e vida saudable.  A marcha consiste na realización conxunta dunha das etapas do Camiño de Santiago. Será, concretamente, a última etapa da Ruta Portuguesa, desde A Escravitude (Padrón) ata a Praza do Obradoiro. No Milladoiro  terá lugar unha parada para xantar e os membros da Fundación farán diversas actividades. Desde a Concellaría de Benestar Social anímase á veciñanza a participar desta actividade solidaria para visibilizar e concienciar á poboación sobre o Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade  e os trastornos asociados, así como da diversidade funcional en xeral. As inscircións permanecerán abertas ata o mércores, 9 de outubro.

O V Camiño da Diversidade terá unha duración aproximada de seis horas e permitirá que os participantes pasen o día en convivencia, facilitando as relacións entre os beneficiarios da Fundación INGADA, os/as voluntarios/as e os/as profesionais. Durante a xornada, os/as participantes levarán a camiseta da entidade co fin de crear unha marea de cor que axude á visibilización. A fundación pon a disposición da xente interesada autobuses con diferentes puntos de partida (A Coruña, Ferrol, Vigo, Ourense, Lugo, Santiago de Compostela), tanto de ida ao inicio da actividade como de regreso aos lugares de orixe. Un ano máis, o Concello de Ames colabora coa Fundación INGADA nesta iniciativa e xa confirmou a presenza da concelleira de Benestar Socail, Luisa Feijoo, na presentación do evento, que terá lugar o próximo martes, 8 de outubro, no Concello de Santiago.

Inscricións
O prazo da inscrición para participar do V Camiño da Diversidade permanecerá aberto ata o mércores, 9 de outubro. Os/as interesados/as en obter a ficha de inscrición e coñecer máis polo miúdo a tramitación da mesma, ou calquera información relacionada coa andaina (duración, horarios dos autobuses, paradas, etc.) pódeno facer a través da páxina web da Fundación INGADA.

camiño diversidade