Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para participar na actividade “Nube, nube, sol” do programa Apego

Xoves, 26 de xaneiro de 2023

O programa Apego inaugura a programación deste semestre o vindeiro venres, 3 de febreiro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns coa actividade “Nube, nube, sol”, un espectáculo de Teatro ó Cubo. Está dirixido a nenos e nenas de entre 0 e 6 anos, e é de balde. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe, 26 de xaneiro, ata o vindeiro xoves, 2 de febreiro. As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome, apelidos, idades das crianzas e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o primeiro semestre de 2023 ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

O obradoiro “Nube, nube, sol” correrá a cargo de Teatro ó Cubo, unha compañía formada por Sofía Espiñeira e Roberto Casal, que afonda nas diversas artes escénicas. O eixo común de todas as súas actuacións é o teatro, pero pasa tamén por outras disciplinas, como a danza, o circo, os monicreques e a música. Espiñeira e Casal levan producindo pezas teatrais para público infantil e familiar dende o ano 2016.

En “Nube, nube, sol”, a rapazada achegarase á maxia da natureza e á importancia da choiva a través do corpo, do xesto, do canto e da música. Segundo explican dende a compañía, “ó amparo dos paraugas atoparemos agocho, bailaremos, cantaremos e, acompañados de pintorescos animais, seremos parte da mesma paisaxe”.

A actividade é de balde, e as persoas interesadas só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que indiquen nome e apelidos dos asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que vaian participar. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe, día 26, ata o vindeiro xoves, 2 de febreiro. As prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes.

O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.

As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

O espectáculo é protagonizado por Sofía Espiñeira e Roberto Casal