Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para participar na terceira edición do concurso Canta con Ames

Venres, 16 de xuño de 2023

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, lembra que está aberto o prazo de inscrición ata o 9 de xullo para inscribirse nas categorías infantil, xuvenil, sénior e súper sénior do concurso Canta con Ames. As inscricións poden realizarse a través do correo amesnarua@gmail.com. Haberá unha fase de preselección no Milladoiro e en Bertamiráns os días 21 e 29 de xullo. A semifinal será no Milladoiro o 4 de agosto e a final celebrase en Bertamiráns o 18 de agosto. O xurado do concurso estará composto por Inés Suárez, Noelia Bellas e Lara López, mentres que a presentadora será Loly Gómez. As bases do concurso poden consultarse premendo nesta ligazón.

O concurso Canta con Ames está organizado pola Concellaría de Promoción Económica e colaboran as asociacións de empresarios Novo Milladoiro e maila Xuntanza de Empresarios de Ames. Ao certame poden presentarse cantantes afeccionados/as. Non poden presentarse profesionais da música, aínda que non estean na actualidade en activo. Existen catro categorías: infantil, ata os 12 anos; xuvenil, de 13 a 20 anos; sénior, de 21 a 40 anos; e súper sénior, de 41 en diante.

As persoas que desexen participar deben enviar un vídeo con audio, en formato mp4 coa interpretación sen base vocal orixinal, de non máis de 1 minuto á seguinte dirección de correo electrónico amesnarua@gmail.com. Tamén haberá que enviar o impreso de inscrición cuberto e asinado (no caso de menores de idade asinarán os/as representantes legais) e acompañado dos documentos requiridos no propio impreso. As inscricións poderanse realizar ata o 9 de xullo enviando un correo electrónico ao endrezo amesnarua@gmail.com. Na semana do 10 de xullo comunicaráselle, por correo electrónico, a todas as persoas que se teñen presentado, a condición de candidatos ou non candidatos para as seguintes fases.

Fases do concurso
O concurso está composto de varias fases. Haberá dous días de preselección, o 21 de xullo, ás 20.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, e mailo 29 de xullo, tamén ás 20.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Na fase de preselección só se interpretará unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou inglés. O xurado escollerá un máximo de 20 persoas seleccionadas en total por ambas xornadas, cinco por categoría (no caso de que algunha das categorías quede deserta, o número de semifinalistas noutras categorías poderá incrementarse ata cubrir o total de 20 persoas).

O 31 de xullo publicaranse as persoas seleccionadas na páxina web municipal. Antes do 2 de agosto de 2023 as persoas seleccionadas deberan poñerse en contacto coa organización para acordar o tema a interpretar na seguinte fase a través da dirección de correo electrónico amesnarua@gmail.com.

Posteriormente, a semifinal será o 4 de agosto, ás 20.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, á que terán acceso as persoas clasificadas na fase de preselección, un máximo de 20 persoas en total, cada unha na categoría que lle corresponda. Só se interpretará unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou inglés. A duración do tema determinarase co xurado en cada caso. O xurado escollerá, ese mesmo día, un máximo de 12 seleccionados, tres por categoría, para pasar á final.

A gran final realizarase o 18 de agosto, ás 20.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Na fase final as 12 persoas aspirantes interpretarán dous temas completos por participante e de diferente estilo musical. Non poderán coincidir en temas musicais entre as persoas candidatas, de ser así, deberán chegar a acordo para non interpretar o mesmo.

Este ano o xurado do concurso estará composto por Inés Suárez Rey, Noelia Bellas Ferreira e Lara López Súarez, mentres que a presentadora será Loly Gómez Oviedo.

Premios
O xurado anunciará o día da final un gañador ou gañadora por categoría. Por cada categoría, aos 4 gañadores ou gañadoras premiaráselle cun trofeo en recoñecemento da participación, unha cesta saudable, un vídeo profesional sobre o seu paso polo concurso, cantar nas prebadaladas de fin de ano, unha tarxeta valorada en 100 euros para gastar nos comercios da asociación de comerciantes Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), e outra tarxeta valorada en 100 euros para gastar nos establecementos da Asociación do Parque Empresarial Novo Milladoiro. 

Por outra banda, aos 8 participantes que chegaran á final en cada categoría premiaráselles cun trofeo, unha cesta saudable, un vídeo profesional do seu paso polo concurso e unha tarxeta regalo valorada en 30 euros para gastar nos comercios da Asociación de Comerciantes Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA).

Cartaz do programa Canta con Ames 2023

Multimedia

  • Cartaz do programa Canta con Ames 2023