- Tematica
O Concello de Ames pon en marcha un curso de redes sociais enmarcado dentro da sétima edición dos Premios Lingua e Empresa, unha iniciativa que promove o uso do galego na actividade empresarial amesá. O prazo para inscribirse nesta acción formativa está aberto ata o venres 15 de novembro ás 14.00 horas. Premendo nesta ligazón podes acceder ao formulario de inscrición. O curso impartirase o martes, 19 de novembro, de 19.00 a 21.00 horas, no espazo colaborativo A Proa, no Milladoiro e a docente será Carolina Buján Diéguez (especialista en marketing dixital e cofundadora de A Masa, Comunicación Artesanal). Está dirixido a empresas que teñan a súa sede ou centro de actividade no Concello de Ames. Ademais, ata o 21 de novembro continúa aberto o prazo para presentar candidaturas aos Premios Lingua e Empresa 2024. Poden optar a este recoñecemento todas as empresas con sede social ou un centro de actividade en Ames.
As concellarías de Normalización Lingüística e Promoción Económica poñen en marcha o curso “Redes sociais e empresa”, no que se abordará como crear unha comunidade dixital que conecte cos negocios. Trátase dunha acción formativa de dúas horas no marco dos premios REGA co obxectivo de aproximar o mundo das redes sociais, de forma sinxela e esquemática, ás empresas amesás.
As persoas participantes aprenderán a proxectar a súa marca nas redes e a establecer obxectivos para alcanzar o público que desexan. A través dunha combinación entre teoría e exemplos, poderán coñecer as claves para crear contido, xestionar a súa presenza online e medir resultados. A formación irá acompañada dunha presentación.
O curso desenvolverase o martes, 19 de novembro, de 19.00 a 21.00 horas, no espazo colaborativo A Proa, situado no parque empresarial do Milladoiro (rúa das Hedras, número 2). Será impartido por Carolina Buján Diéguez (especialista en marketing dixital e cofundadora de A Masa, Comunicación Artesanal). Está dirixido a empresas que teñan a súa sede ou centro de actividade no Concello de Ames. Terán preferencia as empresas participantes en calquera das edicións dos premios Lingua e Empresa.
Contidos do curso:
-Redes sociais: fóra prexuízos!
-Auditoría: interna e externa.
-Selección de redes sociais e construción da identidade de marca.
-Obxectivos e creación de contido.
-Redes sociais e cartos: cando e canto teño que investir.
-Métricas: cales son relevantes actualmente e cales teño que ter en conta.
O prazo para anotarse remata o venres 15 de novembro ás 14.00 horas. Premendo nesta ligazón podes acceder ao formulario de inscrición. Tamén se pode accede ao dito formulario a través do do código QR que está no cartel que acompaña a esta nova.
Premios Lingua e Empresa
O Concello de Ames puxo en marcha por sétimo ano consecutivo os Premios Lingua e Empresa, co obxectivo de recoñecer o uso e fomento da lingua galega na actividade empresarial. Optarán a este galardón todas as empresas, con sede social ou centro de actividade no concello de Ames, que presentan a súa candidatura ata o 21 de novembro.
Os premios divídense, un ano máis, en dúas categorías. A primeira engloba ás empresas que teñen un uso consolidado e estable do galego dende hai máis de dous anos, mentres que a segunda recoñece a todas aquelas que naceron nos últimos dous anos ou que incorporaron o galego nese período. A dotación económica será de 3.000 euros, 1.500 para cada unha das categorías. Ademais, as gañadoras contarán cunha campaña de difusión en Ames Radio, a emisora municipal do concello.
O prazo de presentación de candidaturas xa está aberto e remata o día 21 de novembro de 2024 ás 14:00 horas. As persoas interesadas deberán descargar e cubrir a ficha de participación que se pode atopar nesta ligazón e enviala ao correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, xunto coa documentación correspondente, ou presentala de xeito telemático a través da sede electrónica do Concello de Ames. Para máis información ou para solicitar a ficha de participación pódese contactar co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames a través do número de teléfono 662 377 215 ou mediante o correo normalizacion@concellodeames.gal.