- Tematica
Leticia Falcón, especialista en estimulación musical temperá, ofrecerá un obradoiro de arrolos e colos musicais o sábado, 29 de febreiro, na Aula de usos múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro. Haberá dúas sesións, unha ás 11.00 e outra ás 12.00 horas. A actividade está destinada a familias que se encontren agardando un bebé ou con crianzas que non anden. A inscrición, dispoñible ata o 28 de febreiro, realizarase enviando un correo a normalizacion@concellodeames.gal.
O departamento de Normalización Lingüística organiza, dentro do programa Apego, un obradoiro de arrolos e colos con música en directo para achegar ás crianzas á música e á lingua. Este será impartido pola especialista en estimulación musical temperá e responsable das escolas musicais Allegro de Milladoiro, Santiago e os Tilos, Leticia Falcón. Haberá dúas sesións, unha ás 11.00 horas, e outra ás 12.00 horas, ambas na Aula de usos múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro.
O obradoiro, que é de balde, está destinado a familias que se encontren agardando un bebé ou con crianzas que aínda non anden. O número de familias por sesión limítase a 15, polo que se require inscrición previa.
Para participar, envía un correo electrónico a normalizacion@concellodeames.gal indicando a sesión escollida, o nome e apelidos das persoas participantes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.
O programa Apego
Apego é un programa colectivo de varios concellos que promove a transmisión do galego como lingua inicial nas familias con nenos e nenas de 0 a 6 anos, así como axudar á socialización en galego das crianzas.
O programa Apego ofrece información, recursos (tanto virtuais como físicos) e actividades formativas e de lecer tanto para as familias e as crianzas como para os e as profesionais. Os destinatarios son familias empadroadas en Ames que agarden un bebé ou teñan crianzas de 0 a 6 anos.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Obradoiro amesán de colos musicais e arrolos o día 29"