Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para participar no obradoiro de encadernación xaponesa

Domingo, 13 de abril de 2025

A Biblioteca municipal de Ames continúa coa súa programación de actividades dentro do programa “Abril, mes do libro en Ames”. Deste xeito, organizan un obradoiro de encadernación xaponesa, dirixido para a rapazada a partir de 3º de primaria. A actividade desenvolverase o venres 25 de abril no Milladoiro e o sábado 26 en Bertamiráns. O prazo de inscrición para participar está aberto desde o pasado venres, día 11, ata o vindeiro 21 de abril. Para participar, é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal indicando nome, apelidos, curso e idade das crianzas participantes xunto cun número de teléfono de contacto.

O servizo de bibliotecas continúa coa súa programación de actividades especiais para celebrar o mes do libro. Nesta ocasión, organizan un obradoiro de encadernación xaponesa, que se vai impartir o venres 25 de abril no Milladoiro e o sábado 26 en Bertamiráns.

A rapazada que participe nesta actividade poderá aprender a levar a cabo este tipo de encadernación artesanal e manual. Polo xeral, adoita a realizarse con obxectos coma os álbums de fotos, libros ou diarios que teñan na súa portada e contraportada tapas duras.

Deste xeito, os nenos e nenas poderán traballar a súa creatividade, ao tempo que gozan dunha xornada diferente de lecer. O obradoiro, dirixido para a rapazada que cursa 3º de primaria en diante, desenvolverase o día 25 de abril, ás 17.00 horas, a biblioteca do Milladoiro. Por outra banda, en Bertamiráns realizarase o sábado 26 ás 11.30 na biblioteca municipal.

O prazo para inscribirse está aberto desde o pasado venres día 11, ata o vindeiro luns 21 de abril. A inscrición pode facerse chamando ao 981 884 829 (biblioteca de Bertamiráns) ou 981 530 807 (biblioteca do Milladoiro) ou enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal indicando o nome, apelidos, curso e idade, así como un número de teléfono de contacto.

Novas relacionadas:

Diario de Santiago: "Aberto o prazo de inscrición para participar no obradoiro de encadernación xaponesa, en Ames"

Aberto o prazo de inscrición para participar no obradoiro de encadernación xaponesa

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición para participar no obradoiro de encadernación xaponesa