Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para participar nos obradoiros do “Día da AMTIC”, que se celebra este sábado 10

Luns, 05 de decembro de 2022

O departamento de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación do Concello de Ames organiza para este sábado, día 10 de decembro, o evento tecnolóxico “Día da AMTIC”, que terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro. Celebraranse distintos obradoiros de informática, e haberá instalados espazos para o xogo con consolas. Ademais, ofrecerase unha charla denominada “Adiccións e videoxogos. Como evitar que o meu fillo/a me arruíne”. O prazo para inscribirse xa está aberto, e aínda quedan ocos dispoñibles para todas as actividades.

Con motivo do Día Mundial da Informática, que se conmemora o 9 de decembro, a Concellaría de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación ofrecerá este sábado, día 10, un evento tecnolóxico. A actividade terá lugar de 10:30 a 20:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro, e ao longo da xornada desenvolveranse diversos talleres de informática que están abertos a todos os públicos. Por outra banda haberá unha serie de “espazos permanentes”, onde os asistentes poderán xogar con diversas consolas ou crear os seus propios hama beads, entre outras actividades.

Os obradoiros informáticos darán comezo ás 11:00 horas cun taller de administración electrónica, que versará sobre os certificados electrónicos e como usalos, e que estará especialmente enfocado na sede electrónica do Concello de Ames.

De 12:30 a 13:30 e de 18:00 a 19:00 horas terán lugar dous obradoiros de impresión 3D, para que os participantes aprendan a usar o programa e poidan poñer en práctica os coñecementos adquiridos facendo as súas propias impresións. Na mesma liña, de 16:30 a 17:30 horas haberá un taller sobre o programa de edición de imaxes GIMP.

Para participar en calquera desas catro actividades é necesario inscribirse. Os interesados en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico a informatica.milladoiro@concellodeames.gal e indicando o taller ao que se quere asistir, nome, apelidos e un número de teléfono de contacto.

Por outra banda, no auditorio organizarase un torneo de FIFA, no que tamén cómpre anotarse, escribindo ao enderezo amesenxogo@gmail.com.

Espazos permanentes e conferencia
Os espazos abertos de actividades permanentes estarán instalados na Casa da Cultura de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e irán desenvolvéndose a medida que cheguen os interesados ao longo do día.

O evento contará cun taller de hama beads e outro de creación de espadas láser. Así mesmo, no vestíbulo terá lugar a actividade “Xogando con Nintendo Switch”, no que os asistentes poderán desfrutar desta consola e compartir os seus coñecementos co resto de participantes.

Por último, o doutor José Luis Montiel Castaño impartirá unha charla denominada “Adiccións e videoxogos. Como evitar que o meu fillo me arruíne”, que porá o foco na ludopatía como consecuencia do consumo excesivo de aparellos de ocio tecnolóxico. A entrada é libre ata completar aforo.

No caso das actividades dos espazos permanentes e da conferencia non é necesaria inscrición previa, e poderá participar calquera que se achegue ata a Casa da Cultura ao longo da xornada.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Sábado con obradoiros, juegos y una charla sobre tecnología en O Milladoiro"

AMS GO!: "A Casa da Cultura do Milladoiro acolle o sábado o 'Día da AMTIC' con motivo do Día Mundial da Informática"

O evento celebrarase o sábado 10 na Casa da Cultura do Milladoiro

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición para participar nos obradoiros do “Día da AMTIC”, que se celebra este sábado 10