Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para unha nova actividade de rafting polo río Deza

Luns, 18 de abril de 2011

[18-04-2011] Do 18 de abril ao 3 de maio permanecerá aberto o prazo de inscrición para apuntarse a unha nova actividade de rafting organizada pola concellería de Mocidade, que se realizará o vindeiro 7 de maio no Deza, afluente do Ulla, no que se realizará un percorrido de 8 quilómetros entre Bascuas e Cira. Para inscribirse é necesario ter 14 ou máis anos, estar censado no concello de Ames e saber nadar. O prezo da actividade é de 14 euros e deberá depositarse na conta do Concello e presentar o correspondente xustificante de pago xunto coa solicitude e a documentación pertinente.

A Concellería de Mocidade organiza unha actividade de rafting destinada aos máis novos do concello no eido do programa trimestral de deporte. O rafting é un deporte de aventura que vai gañando cada vez máis adeptos entre a mocidade e que se desenvolve nunha canle fluvial, o que permite combinar deporte de aventura co contacto coa natureza. As persoas que realizan este deporte descenden o río nunha embarcación seguindo a corrente do mesmo procurando manterse en todo momento a flote e evitando saírse do río. A dificultade do descenso dependerá do tramo practicado e da corrente fluvial dese tramo.

Esta actividade levarase a cabo o vindeiro 7 de maio no río Deza -afluente do río Ulla duns 50 quilómetros- nun tramo de 8 quilómetros entre Bascuas e Cira, no concello de Silleda. Ese día ás 10:00 h. da mañá realizarase a saída da Praza do Concello en Bertamiráns e ás 10:15 h. da Casa da Cultura do Milladoiro e está previsto que a chegada á Ponte Ledesma sexa arredor das 11:00 horas. Preto das 14:00 h. rematará a actividade e sairase de volta cara ao Concello.

Para participar nesta actividade é necesario ter 14 ou máis anos, estar censado en Ames e saber nadar. Aquelas persoas que queiran participar deberán levar roupa cómoda, traxe de baño, toalla e calzado deportivo, para deste xeito poder mollarse no transcurso da baixada ao río sen problemas. O resto do equipo necesario para realizar a actividade será subministrado pola empresa -casco, chaleco, embarcación, etc-.

Todos os mozos e mozas que queiran participar teñen dende o 18 de abril ao 3 de maio para inscribirse baixando o documento pertinente da web - www.concellodeames.org - ou recollendo o mesmo de 9:00 h. a 14:00 horas no Punto de Información Xuvenil da Casa da Cultura do Milladoiro os martes e venres ou na oficina da OMIX na Casa do Concello, en Bertamiráns, os luns, mércores e xoves no mesmo horario. A entrega das solicitudes realizarase no mesmo lugar acompañando a mesma dunha fotocopia do DNI, unha fotocopia da tarxeta da Seguridade Social e o xustificante de ter ingresado os 14 euros que custa a actividade na conta bancaria de de Caixa Galicia 2091-0317-30-3110000116 indicando como referencia do pagamento "Rafting Deza" e o nome da persoa que se inscribe na actividade.

Esta é unha das múltiples actividades de deporte de aventura organizadas pola Concellaría de Mocidade cos que pretende ofertar aos mozos e mozas do concello a posibilidade de divertirse en contornos naturais nos que poderán gozar da refrescante presenza da auga e dunha paisaxe de grande beleza ao tempo que realizar unha actividade deportiva cunha alta dose de aventura na que se fai necesario a colaboración entre os participantes, para entre todos lograr realizar o descenso do tramo sobre a corrente do río, profundando así nas relacións de respecto, colaboración e solidariedade entre os mozos e mozas.