Pestanas principais

Aberto o prazo de inscrición para unha nova edición do Club de Debate

Mércores, 20 de novembro de 2024

Ata o 25 de novembro está aberto o prazo para que os centros educativos inscriban os seus equipos nunha nova edición do Club de Debate, unha actividade de dinamización lingüística dirixida a mozas e mozos de 3º e 4º da ESO, 1º de bacharelato ou ciclos formativos. Os equipos que se inscriban teñen que ser mixtos e estar formados por entre 4 e 10 persoas máis o/a preparador/a. A inscrición debe facerse a través do formulario que se facilite desde o SNL do Concello de Ames. Os equipos mellor clasificados nas primeiras fases recibirán premios de 500€ e 300€. Na final do Club de Debate participarán os equipos gañadores de toda Galicia e o premio para os que obteñan mellor puntuación será unha viaxe multiaventura dunha fin de semana.

O Club de debate é un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade, no que participan varios concellos galegos, entre eles o de Ames, en colaboración cos centros de ensino secundario. O Club consta de varias fases de competición: fases clasificatorias e final. Previamente a esas fases, haberá unha xornada de formación para todo o alumnado participante co obxectivo de orientar a práctica de habilidades comunicativas e activar, motivar e ofrecer recursos para a mellora das intervencións orais públicas das mozas e mozos.

A actividade consiste nun torneo de debate por equipos, no que os debates se producen dous a dous. Cada equipo terá que preparar e defender as dúas posicións respecto ao tema proposto (a favor e en contra). Os equipos gañadores nas fases clasificatorias competirán na fase final.

O Club de Debate ten como obxectivo favorecer o uso do galego oral en contextos formais e informais. Ademais, tamén se traballa o desenvolvemento de habilidades comunicativas, da oratoria e das técnicas de documentación, e abórdanse cuestións como o fomento do pensamento crítico, da tolerancia fronte a diversidade de opinións e do traballo en equipo.

Calendario das actividades
Unha vez pechado o prazo de inscrición daranse a coñecer as zonas de competición e a sede dos debates da primeira fase. Posteriormente, entre o 13 e o 17 de xaneiro de 2025 impartirase unha xornada de formación conxunta de catro horas para os membros dos equipos. Nas últimas semanas de febreiro realizaranse os debates das fases clasificatorias e en abril celebrarase a fase final desta actividade.

O tema da final decidirase entre os concellos organizadores e tratará sobre algunha cuestión relacionada coa lingua. Na fase de zona debaterase sobre un tema específico, controvertido e de actualidade. Os centros anotados poden enviar propostas aos servizos de normalización lingüística e, entre todos e todas, escollerase o tema desta edición.

Premios do Club de Debate
Nas fases clasificatorias haberá dous premios, un de 500 euros para o equipo gañador e outro de 300 euros para o segundo. Ademais, os equipos gañadores da fase comarcal pasarán á fase final. O premio final será unha viaxe multiaventura dunha fin de semana á que asistirán os dous equipos con maior puntuación (máximo 20 persoas) e na que se incluirán contidos culturais e lingüísticos.

Inscricións dos centros de ensino
O Club de debate está dirixido a mozas e mozos de 3º e 4º da ESO, 1º de bacharelato ou dos ciclos formativos que comprendan as mesmas idades. Os equipos que se inscriban teñen que ser mixtos e estar formados por entre 4 e 10 persoas. A inscrición estará aberta ata o 25 de novembro. Os equipos interesados teñen que cubrir o formulario que se facilite desde o SNL do Concello de Ames.

Para dispor de máis información sobre esta actividade e o seu desenvolvemento, pódese acceder á páxina de Facebook "Club de Debate" ou ao perfil de Instagram “Club de Debate Alingua”.

Aberto o prazo de inscrición para unha nova edición do Club de Debate

Multimedia

  • Aberto o prazo de inscrición para unha nova edición do Club de Debate