Pestanas principais

Aberto o prazo de preinscrición para o campamento urbano de verán do Concello de Ames

Martes, 29 de maio de 2012

[29-05-2012] Desde hoxe e ata o vindeiro 11 de xuño está aberto o prazo de preinscrición para o campamento urbano de verán, que organiza por primeira vez o Concello de Ames. A Concellaría de Medio Ambiente deseñou un campamento pensado para as tardes de parte do mes de xullo. Trátase dunha iniciativa pioneira no municipio, que se levará a cabo entre os días 9 e 20 de xullo e na que poderán participar rapaces de entre 6 e 14 anos. Para a realización desta actividade será preciso contar cun mínimo de 25 rapaces inscritos. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de preinscrición que hai que cubrir para apuntarse neste campamento.

O prazo de preinscrición, que comeza hoxe, estenderase ata o vindeiro 11 de xuño. As solicitudes poderán descargarse na páxina web do Concello, na sección de Avisos, ou recollerse, en horario de 09.00 a 14.00 horas, nas oficinas municipais do Milladoiro ou na Casa do Concello de Bertamiráns. Despois, deberán entregarse no mesmo horario no rexistro da Oficina Municipal do Milladoiro ou no rexistro xeral do Concello en Bertamiráns.

En total, ofrécense 50 prazas para as que se seguirá a seguinte orde de prioridade: familias monoparentais; nenos e nenas empadroados no Concello de Ames; rapaces que, non estando empadroados, están matriculados nun centro educativo de Ames ou os seus pais traballan no municipio, e nenos e nenas non empadroados. Ademais, reservarase un 10% das prazas para casos de emerxencia social.

No momento da preinscrición facilitaranse as bases que rexen o campamento urbano de verán do Concello de Ames. Con todo, para ampliar calquera outra información, as persoas interesadas poden empregar os correos electrónicos auladanatureza@concellodeames.org ou medioambiente@concellodeames.org ou os teléfonos 660 004 665 e 662 377 544.

Unha vez rematado o prazo de preinscrición, as listas provisionais de admitidos a efectos de reclamación expoñeranse nos taboleiros oficiais do Concello do 15 ao 18 de xuño. Os listados definitivos estarán expostos nos mesmos lugares o día 20 de xuño.

A adxudicación das prazas dispoñibles poderá ser directa, no caso de que a demanda non supere o número de prazas dispoñibles, ou por sorteo público. Neste caso, realizarase o día 22 de xuño ás 10.00 horas no Salón de Plenos do Concello de Ames. Este sorteo dará lugar a unha lista de agarda, que se expoñerá o día 25 de xuño. Despois, do 25 de xuño ao 5 de xullo levarase a cabo a matrícula para o campamento urbano de verán.

Servizo de autobús

A Concellería pon en marcha este campamento para atender a demanda dos veciños e veciñas amienses que solicitaron a posibilidade de realizar actividades para os máis novos nas tardes do verán. O campamento desenvolverase en horario de 16.30 a 20.00 horas na Aula da Natureza da Ameixenda e terá un custe de 50 euros. Para facilitar a asistencia dos rapaces e darlles maior comodidade aos pais e nais, o Concello habilitará un servizo de autobuses que trasladará os participantes ata a Aula da Natureza e que os levará de volta ao remataren as actividades.

Durante as xornadas do campamento urbano, os nenos e nenas poderán realizar multitude de actividades. Por exemplo, aprenderán a elaborar xabóns, papel reciclado, e papel de augas. Iniciaranse na química, farán teares e aprenderán sobre herbas medicinais. Ademais, levarán a cabo actividades relacionadas coa elaboración de candeas, feltreado e maquetas. Adquirirán coñecementos sobre a fauna e flora do río, as cunchas, a astronomía, a horticultura... Para favorecer o contacto dos rapaces co aire libre, tamén se desenvolverán xogos populares, xincanas e grandes xogos. O campamento urbano rematará cunha festa para os e as participantes.