Pestanas principais

Aberto o prazo de presentación de solicitudes para as axudas deportivas cun incremento do 50%

Xoves, 07 de decembro de 2017

[07-12-2017] O Concello de Ames informa sobre a convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo no exercicio 2017 polos clubs e asociacións deportivas de Ames. A contía destinada a esta convocatoria ascende nesta anualidade aos 75.000 euros, sendo o importe individual das achegas concedidas non superior aos 9.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes é de 30 días naturais desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), que tivo lugar o martes, 5 de decembro. O prazo de solicitude estará aberto ata o 4 de xaneiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases desta convocatoria.

Esta convocatoria de axudas está destinada a promover as actividades desenvolvidas durante este ano polas asociacións e clubs deportivos do Concello de Ames. Deste xeito, poderán ser subvencionadas as actividades de índole deportiva desenvolvidas por estas entidades, así como a adquisición de material inventariable cun límite dun 20 % do orzamento total. Non se subvencionará a realización de obras. Ademais, as actividades ou investimentos para as que se solicite a concesión da achega deberán ter sido efectuados dentro do exercicio 2017. O importe individual das achegas concedidas non superará os 9.000 euros.

A estas axudas poderán optar as asociacións e clubs existentes no Concello de Ames, legalmente constituídas e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións. Así mesmo, os datos de inscrición no rexistro deben estar debidamente actualizados no momento de solicitar a achega. Do mesmo xeito, as asociacións solicitantes teñen que estar ao día nas súas obrigas tributarias coa AEAT, o Concello de Ames e a Seguridade Social. As entidades solicitantes tampouco poderán ter pendente de xustificación ningunha axuda anterior do Concello, a non ser que lles fora concedida unha prórroga.

Alén diso, todos os clubs cunha subvención superior aos 5.000 euros terán que levar na súa vestimenta (chándal e camiseta de competición) o logo do Concello de Ames e en caso de dispor dun medio de transporte, este deberá levar un adhesivo do citado logo. Os obxectivos destas axudas son achegar a práctica deportiva ao maior número posible de persoas, promovendo, ao mesmo tempo, a participación activa das veciñas e veciños de Ames no deporte, como medio de promover a formación das xeracións máis novas e de propiciar unha boa convivencia.

As participacións nas competicións, o número de quipos e categorías, así como o número de persoas beneficiarias serán os aspectos principais a valorar. Tamén se terán en conta as solicitudes de subvencións a outros organismos públicos, a organización e colaboración en eventos deportivos organizados ou promovidos polo Concello de Ames, a promoción do deporte feminino e fomento da lingua galega. As bases que rexen esta subvención foron consensuadas no Consello Municipal de Deportes acadando unanimidade nos aspectos a incluír. O Alcalde e concelleiro de deportes, José Miñones, alégrase do bo funcionamento do Consello e dos froitos que se veñen recollendo desde o ano 2015 e resalta a importancia que para o Concello ten a promoción dos clubs deportivos, de aí que se decidise aumentar a contía de axuda cun incremento do 50%.

O prazo de presentación de solicitudes é de 30 días naturais desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), que tivo lugar o martes, 5 de decembro. O prazo de solicitude estará aberto ata o 4 de xaneiro. As persoas interesadas deberán presentar a documentación solicitada nas bases. As solicitudes deberán presentaranse no Rexistro xeral do Concello ou nalgún dos rexistros municipais auxiliares, de xeito presencial ou a través da sede electrónica. En torno a 35 clubs ou entidades deportivas veranse beneficiadas destas axudas do Concello de Ames.

Contido relacionado


Lindeiros: " Ames abre prazo de solicitudes para axudas deportivas"