Pestanas principais

Aberto o prazo de votación para escoller os vídeos gañadores do público do certame Galetiktokers

Mércores, 26 de outubro de 2022

Dende onte, 25 de outubro, e ata as 12:00 horas da xornada de mañá, xoves 27 de outubro, está aberto o prazo para votar a través de Instagram polos vídeos presentados ao concurso Galetiktokers, unha iniciativa dos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística do Concello de Ames que pretende estimular a creatividade da rapazada animando á creación audiovisual en galego. Nesta terceira edición participaron no concurso máis de 200 mozas e mozos.

A terceira edición do certame Galetiktokers repartirá seis premios de 300 euros entre dúas categorías (unha para mocidade de entre 13 e 16 anos e outra para maiores de 17). Dous deses premios serán os escollidos polo público, que dispón de 48 horas para facerse seguidor/a do perfil de Instagram da OMIX de Ames (@omixames) e votar polos seus vídeos favoritos. As publicacións que acumulen maior número de “gústame” serán as que se fagan co galardón. O prazo remata mañá, xoves 27 de outubro, ás 12:00 horas.

Os outros catros premios (dous para cada categoría) decidiraos un xurado formado por tres persoas do ámbito das novas tecnoloxías e das redes sociais: a cantante e actriz Paula Chaves Pérez, coñecida como Pauliña, a comunicadora audiovisual Noelia Francisco Lens e a tiktoker Sara Seco Rial. Todos os galardóns serán entregados nunha gala que se celebrará o sábado, 5 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro.

Éxito de participación
É o terceiro ano consecutivo que o Concello de Ames organiza o certame Galitiktokers e, nesta ocasión, batéronse marcas de participación. Foron enviados 65 vídeos en total, unha cifra que triplica a da anterior convocatoria. Desas propostas, 35 pertencen á primeira categoría (para persoas de entre 13 e 16 anos), e as 26 restantes encádranse na segunda categoría (maiores de 17).

Con este proxecto, o Concello de Ames busca poñer en valor o emprego do galego entre a xente máis nova, animándoa a fomentar o seu uso a través das redes sociais e das novas canles de comunicación.

O público pode elixir a dous dos gañadores do certame

Multimedia

  • Aberto o prazo de votación para escoller os vídeos gañadores do público do certame Galetiktokers
  • Aberto o prazo de votación para escoller os vídeos gañadores do público do certame Galetiktokers