Pestanas principais

Aberto o prazo de votación para escoller os vídeos gañadores do público do certame Galetiktokers

Mércores, 25 de outubro de 2023

Dende ás 11.00 horas de hoxe, 25 de outubro, e ata as 11:00 horas do venres, 27 de outubro, está aberto o prazo para votar a través de Instagram polos vídeos presentados ao concurso Galetiktokers, unha iniciativa dos departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Ames, que pretende estimular a creatividade da rapazada animando á creación audiovisual en galego. Nesta cuarta edición presentáronse 51 vídeos, realizados por máis de 120 mozos/as de Ames e doutras localidades de Galicia. Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases ao completo do IV Certame Galetiktokers.

Un ano máis, os departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística de Ames puxeron en marcha o certame Galetiktokers. Trátase dunha oportunidade para que a mocidade estimule a súa creación empregando os novos formatos e poñendo en valor a lingua galega.

As 51 pezas audiovisuais presentadas por máis de 120 mozos/as participantes de Ames e doutras localidades de Galicia, optan unha vez máis a un total de 1.800 euros, repartidos en seis premios. Na primeira categoría (mozas e mozos de 13 a 16 anos) presentáronse 27 vídeos, mentres na segunda categoría (mozas e mozos a partir de 17 anos) hai 22 vídeos admitidos.

Catro dos premios (os dous vídeos mellor valorados en cada unha das categorías) decidiraos un xurado formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais. Os outros dous serán escollidos polo público a través do Instagram de Xuventude Ames. Deste xeito, cada categoría recibirá tres galardóns: dous do xurado e un do público.

O prazo para presentar vídeos rematou o 23 de outubro. Agora abre un prazo de dous días (dende as 11.00h de hoxe, 25 de outubro, ata as 11.00h do venres, 27 de outubro) para votar a través de Instagram polos vídeos presentados ao concurso Galetiktokers. Todas as pezas admitidas xa están subidas ao Instagram de Xuventude Ames XA! (@xuventudeames) co cancelo #galetiktokers.

Deste xeito, dous dos premios serán os escollidos polo público, que dispón de 48 horas para facerse seguidor/a do perfil de Instagram de Xuventude Ames XA! (@xuventudeames) e votar polos seus vídeos favoritos. A votación do premio do público realizarase a través dos reels publicados no perfil @xuventudeames. As publicacións que acumulen maior número de “gústame” serán as que se fagan co galardón.

Premios do xurado
Ademais, nos vindeiros días reunirase o xurado, para valorar as pezas presentadas e determinar os premios do xurado (catro premios). O xurado está formado por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual e nas redes sociais, que valorarán o atractivo das pezas no seu conxunto, tanto na forma como no contido, tendo en conta aspectos como a orixinalidade, a creatividade, a claridade e a calidade lingüística.

Nesta cuarta edición o xurado está composto por María Rúa Rodríguez, creadora de contido en galego (@Pradorua); Noelia Francisco Lens, especialista en comunicación audiovisual; e Gabriel García Calvo, creador de contido en galego (@Gabiig8).

Todos os galardóns serán entregados nunha gala que se celebrará o venres, 10 de novembro, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. O evento estará presentado e dirixido polas/os creadoras/es de contido en galego, @Pradorua e @Gabiig8, e amenizado por Onda Dagda, grupo musical galego de rock composto por mozos e mozas que ensaian na Factoría. A cantante é Maria Iglesias, alumna do IES do Milladoiro e gañadora do concurso Canta con Ames en 2022.

Cartaz do Galetiktokers 2023

Multimedia

  • Cartaz do Galetiktokers 2023
  • Bases do Galetiktokers 2023