Pestanas principais

Aberto o prazo para participar na terceira edición do concurso de fotografía Enfoca Ames

Mércores, 07 de xuño de 2023

A Xuntanza de Empresarios de Ames, en colaboración co Concello de Ames, organiza a terceira edición do concurso de fotografía Enfoca Ames. O obxectivo deste certame é fomentar o achegamento da cidadanía aos lugares máis emblemáticos do concello de Ames. As persoas participantes deberán presentar unha fotografía que recolla o patrimonio natural, artístico e/ou cultural do concello de Ames. Admítese unha fotografía por cada unha das tres categorías existentes. A participación no concurso é gratuíta. O prazo de entrega das imaxes remata o 11 de xuño de 2023. As fotografías teñen que ser enviadas xunto coa ficha de inscrición por correo electrónico ao enderezo enfocames@gmail.com.

O certame ponse en marcha por terceiro ano consecutivo da man de XEA, coa colaboración do Concello de Ames, a través dos departamentos de Medio ambiente e Turismo. Poden participar neste certame todas as persoas residentes en España, maiores de 18 anos, con independencia do seu lugar de orixe. As fotografías teñen que ser orixinais e inéditas, presentando só unha fotografía por categoría. A inscrición no concurso é gratuíta.

As persoas participantes deberán presentar unha fotografía que recolla o patrimonio natural, artístico e/ou cultural do concello de Ames. Admítese unha fotografía por categoría. Existen tres categorías diferentes: paisaxe, macro e artística. Na categoría paisaxe a fotografía debe mostrar os espazos do mundo que adoitan captar a presenza da natureza, pero tamén poden centrarse en características creadas polo home ou perturbacións das paisaxes. Na categoría macro a fotografía debe permitir amplificar as cousas que son pequenas a simple vista. Por último, na categoría artística permítese a posibilidade de editar e manipular a captura orixinal. Esta categoría está relacionada cun aspecto máis subxectivo e incluso surrealista.

Presentación das obras
As obras deberán ser enviadas xunto co impreso de inscrición ao correo electrónico enfocames@gmail.com. A Xuntanza de Empresarios de Ames resérvase o dereito a elaborar unha exposición fotográfica coas composicións que participen. Ademais, as persoas participantes darán o seu consentimento para que as composicións enviadas sexan expostas no Instagram Xuntanza Empresarios Ames e no Facebook Xuntanza de Empresarios de Ames co hashtag #enfocames. O prazo de entrega das imaxes remata o domingo 11 de xuño de 2023.

Premios
As bases recollen a concesión de tres premios en cada unha das tres categorías. O primeiro de 100 euros, o segundo de 50 euros e o terceiro de 25 euros. Os nove premios son cheques para gastar nos comercios asociados á XEA. O resultado do concurso será publicado o día 20 de xuño nas páxinas web de XEA e do Concello de Ames. As persoas agraciadas serán notificadas mediante chamada telefónica.

Este ano o xurado estará composto por 4 persoas. Dos 4 membros do xurado, dous serán aportados por XEA e outros dous polo Concello de Ames.

Cartel do concurso de fotografía Enfoca Ames 2023

Multimedia

  • Cartel do concurso de fotografía Enfoca Ames 2023