- Tematica
O Concello de Ames informa sobre a convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo no exercicio 2023 polos clubs e asociacións deportivas de Ames. A contía destinada a esta convocatoria ascende nesta anualidade aos 80.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes é de 30 días naturais desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), que tivo lugar o pasado 4 de maio; polo que remata o 3 de xuño. Ao pé desta nova podes atopar as bases e os impresos de solicitude.
Esta convocatoria de axudas está destinada a promover as actividades desenvolvidas polas asociacións e clubs deportivos do concello de Ames. Deste xeito, poderán ser subvencionadas as actividades de índole deportiva desenvolvidas por estas entidades, así como a adquisición de material inventariable cun límite dun 20% do orzamento total.
Non se subvencionará a realización de obras, nin gastos correntes (facturas de luz, teléfono, intereses de contas bancarias...). Tampouco os xuros, recargas e sancións administrativas, os gastos de procedementos xudiciais nin os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. Ademais, as actividades ou investimentos para as que se solicite a concesión da achega deberán ter sido efectuados dentro do exercicio 2023.
Os principais obxectivos destas axudas son achegar a práctica deportiva ao maior número posible de individuos, empregando para isto aos colectivos existentes no concello, como mellor instrumento para acadar este fin. Tamén se pretende crear unha vida deportiva estable dentro do concello, programada e desenvolta polas entidades do ámbito privado, e na que a administración municipal represente un papel secundario, tanto na elección do tipo de actividades a desenvolver, como na súa posta en práctica e no seu financiamento.
Ademais, búscase a participación activa dos/as veciños/as na actividade deportiva, que ten un claro interese público, como medio de promover a formación dos máis novos/as e de propiciar a convivencia entre os veciños e veciñas; así como poñer a disposición do Concello información completa e actualizada das asociacións sen ánimo de lucro do municipio, co fin de promover unha relación fluída cas mesmas e posibilitar o deseño de políticas eficaces que permitan dinamizar a actividade dos particulares que resulte complementaria das competencias municipais.
A estas axudas poden optar as asociacións e clubs deportivos existentes no concello de Ames, legalmente constituídas, e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións con data anterior ao 31/12/2022. Será requisito indispensable que os datos de inscrición da asociación estean debidamente actualizados no momento de solicitar a achega. Ademais, os clubs teñen que desenvolver as súas actividades no termo municipal de Ames. Do mesmo xeito, as asociacións solicitantes teñen que estar ao día nas súas obrigas tributarias coa AEAT, o Concello de Ames e a Seguridade Social. As entidades solicitantes tampouco poderán ter pendente de xustificación ningunha axuda anterior do Concello, a non ser que lles fora concedida unha prórroga. Non poderán optar ás axudas os clubs que fosen beneficiarios dunha subvención nominativa durante o ano 2023.
Orzamento
A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 80.000 euros. O importe individual das achegas concedidas ao abeiro desta convocatoria non poderá superar os 8.000 euros.
Presentación de solicitudes
A solicitude, xunto co resto da documentación, presentaranse na Sede electrónica do Concello. Igualmente poderá presentarse no Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC), ao que se pode acceder desde o enlace dispoñible na sede electrónica do Concello de Ames.
O prazo de presentación de solicitudes é de 30 días naturais desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), que tivo lugar o pasado 4 de maio. O prazo de solicitude estará aberto ata o 3 de xuño. Para máis información pódese chamar ao número de teléfono 619 842 504 ou enviar un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal.