- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, informa da publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado do segundo ciclo de educación infantil (curso 2023-2024). O prazo de presentación de solicitudes empezou o 31 de maio, e remata o 1 de xullo de 2024 (30 días naturais a contar desde o día seguinte ao anuncio de convocatoria no BOP). A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 7.500 euros, sendo de 120 euros o importe máximo concedido por cada nena ou neno. Premendo nas ligazóns que están ao pé desta nova poderás consultar as bases desta convocatoria de axudas e imprimir o impreso de solicitude.
A convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar está dirixida aos pais, nais ou titores legais dos nenos e nenas matriculados no curso escolar 2023/2024 nun centro de ensino sostido con fondos públicos, no nivel de educación infantil (segunda etapa, de 3 a 5 anos). Estas bolsas permitirán financiar os gastos efectuados desde o 1 de agosto de 2023 e o día en que finalice o prazo de presentación das solicitudes, o 1 de xullo de 2024.
As unidades familiares solicitantes deberán estar empadroadas e residir de maneira efectiva no Concello de Ames no momento da solicitude. Outro dos requisitos que se debe cumprir é que as nenas e nenos, para os que se solicita a axuda, deben estar matriculados no curso escolar 2023/2024 en centros de ensino sostidos con fondos públicos, no segundo ciclo de educación infantil. Así mesmo, a renda per cápita da unidade familiar, computando os ingresos percibidos por todos os seus integrantes no exercicio fiscal 2022, non pode ser superior ao 100% do IPREM anual con pagas extraordinarias. Para a determinación da renda per cápita sumaranse os ingresos anuais de todos os membros da unidade familiar maiores de idade, e dividirase entre o número de membros que formen a unidade familiar.
Axudas para as familias con menos recursos
A través desta convocatoria preténdese propiciar que, a través da colaboración financeira do Concello de Ames para a compra dos libros de texto e demais material didáctico precisos para o normal desenvolvemento da actividade académica, a poboación escolar integrada en familias con menos recursos dispoña do material educativo preciso para o normal desenvolvemento da súa aprendizaxe, centrando o esforzo orzamentario na educación infantil, por ser esta a franxa de idade non cuberta pola Xunta de Galicia.
Deste xeito, establécese que poden ser subvencionables, con ata un máximo do 80% do orzamento total, os gastos derivados da adquisición de libros de texto, materiais curriculares e demais material didáctico. O orzamento total previsto para esta convocatoria é de 7.500 euros, sendo de 120 euros o importe máximo concedido por cada nena ou neno.
Presentación de solicitudes
As solicitudes poden ser presentadas no rexistro telemático, a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello, situadas na Casa do Concello, en Bertamiráns, e na oficina municipal do Milladoiro.
Tamén se poden presentar a través de calquera outro dos medios aos que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de Outubro de Procedemento Administrativo Común das AAPP. O prazo de presentación de solicitudes está aberto durante 30 días naturais, do 31 de maio ao 1 de xullo de 2024. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476, do departamento municipal de Educación.