Pestanas principais

Abre a nova sala da Biblioteca municipal do Milladoiro cunha gran festa na que houbo contacontos e obradoiros infantís

Xoves, 26 de xuño de 2014

[26-06-2014] Este mércores, pola tarde, abriu ao público a nova sala da Biblioteca municipal do Milladoiro cunha gran festa na que houbo contacontos, obradoiros infantís e entregáronse os premios do concurso de debuxo con motivo do 20 aniversario de Manolito Gafotas. A través desta iniciativa pretendeuse que a veciñanza amiense coñecese a nova sala que se construíu para ampliar esta biblioteca. O novo local da biblioteca do Milladoiro, que dispón dunha superficie de 190,80 metros cadrados, dotou ao Milladoiro dunha biblioteca apta para o estudo e a lectura e en mellores condicións que a actual. Nestes traballos investíronse un total de 108.827 euros. O acondicionamento da biblioteca do Milladoiro puido executarse grazas a un convenio asinado entre o Concello de Ames e a Deputación Provincial da Coruña.


Ganadores/as do concurso de debuxo de Manolito Gafotas
As actividades programadas comezaron arredor das 18:00 horas cun contacontos que correu a cargo do persoal da empresa Vagalume. De seguido, entregáronse os premios do concurso de debuxo con motivo do 20 aniversario de Manolito Gafotas. Entre todos os debuxos recibidos seleccionáronse os tres máis orixinais. Na categoría de 3 a 6 anos os ganadores foron Mario Mosquera e Diego Mojón, mentres que na categoría de 7 a 9 anos as tres primeiras clasificadas foron Antía Pérez, Saínza Pampín e Tania Quintáns. Ademais, nesta categoría Alberte López, Joaquín Vázquez e Laura Mojón foron premiados cun accésit. Por último, na categoría de 10 a 12 anos os ganadores/as foron Manuel Mosquera, Anaí Fernández e Nerea Quintáns. Ariadna Ebra tamén foi premiada cun accésit. Os/as ganadores/as levaron un lote de libros. Para rematar a festa houbo un obradoiro de globoflexia e outro de maquillaxe.

Horario de apertura da nova sala de estudo
Esta nova sala de estudo abrirá no mesmo horario que o resto da biblioteca do Milladoiro (de luns a venres, de 8:30 a 21:00 horas, e os sábados, de 09:00 a 14:00 horas). Este novo local estará destinado a zona de estudo e de traballo, para as persoas que teñen que preparar oposicións ou exames. Tamén servirá de sala multiusos para acoller charlas e actividades relacionadas co cine, entre outras iniciativas.

A Biblioteca municipal do Milladoiro estivo chea de nenos/as e adultos, que asistiron á xornada de portas abertas organizada pola concellaría de Educación, para inaugurar o novo local que se construíu co obxectivo de ampliar estas instalacións municipais. O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, explicou que “dende este mércores, 25 de xuño, queda aberto ao público o novo local da biblioteca municipal do Milladoiro. Con esta obra dotouse ao Milladoiro dunha biblioteca apta para o estudo e a lectura e en mellores condicións que a actual. Coa execución deste proxecto cumprimos o compromiso de dotar á localidade do Milladoiro dunha biblioteca apta para o estudo e a lectura e en mellores condicións que a actual”.

Os traballos consistiron no acondicionamento integral dun local que linda coa actual biblioteca, que pasou a integrarse como unha nova sala de estudo. Este local foi reformado completamente. Deste xeito, houbo que executar a instalación da rede eléctrica, do sistema de fontanería e calefacción, executouse o recebado e pintado das paredes, entre outros traballos. Este local conta cunha superficie total de 190,80 metros cadrados. Nestes traballos investíronse un total de 108.827 euros.

A nova sala conta cunha ampla zona de lectura, unha área de servizos hixiénicos, un cuarto de limpeza e un almacén. Este local está comunicado coa biblioteca existente. Ademais, houbo que dotar a este espazo do mobiliario necesario. Colocáronse 12 mesas que dispoñen de 4 postos por mesa. Polo tanto, esta nova sala conta con 48 postos para persoas que desexen facer uso das mesas deste local. O acondicionamento da biblioteca do Milladoiro puido executarse grazas a un convenio asinado entre o Concello de Ames e a Deputación Provincial da Coruña.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Milladoiro estrena con una fiesta la nueva biblioteca"