Pestanas principais

Abre o prazo de inscrición para o Nadal Lúdico

Xoves, 08 de outubro de 2020

A Concellaría de Educación pon en marcha un ano máis o programa de conciliación Nadal Lúdico que este ano se desenvolverá os días 23, 24, 28, 29, 30 e 31 de decembro de 2020 e 4 ,5 e 7 de xaneiro de 2021. O prazo de inscrición abrangue desde o día 8 até o día 23 de outubro. Poden participar nenos e nenas escolarizados no 2º ciclo de educación infantil e primaria, cuxas familias estean empadroadas en Ames e acrediten a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar. O programa, que se alonga desde as 7.30 horas da mañá, até as as 16.00 horas da tarde, ofrece diferentes alternativas en horarios e servizos de comedor e almorzos para adaptarse o mellor posible a cada familia.

Poden inscribirse no Nadal Lúdico os nenos e as nenas escolarizados no 2º ciclo de educación infantil e primaria. É imprescindible que a unidade familiar estea empadroada no Concello de Ames, non ter débedas en período executivo coa facenda municipal e que a familia (pais, nais, titores ou titoras) acrediten a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar.

Documentación a achegar coas solicitudes
Para inscribirse no programa, as familias deben entregar, salvo que xa obre en poder do departamento de Educación, unha copia auténtica ou cotexada do libro de familia, unha copia auténtica ou cotexada do DNI do titular da conta, e documentación que indique a ocupación dos pais, nais, titores e titoras (certificados de traballo e, de ser o caso, certificados de estar realizando cursos de formación ou calquera outra actividade que especifique a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar).

Por outra banda, no caso de que o rapaz ou a rapaza sufra algún tipo de doenza que precise de unha dieta especial deberá presentarse tamén un informe médico que acredite esta necesidade. Calquera outro tipo de tratamento especial tamén necesitará de acreditación médica. Asemade, no caso de ruptura da unidade familiar deberá presentarse a documentación que xustifique esta circunstancia.

Lugar e presentación de solicitudes
As solicitudes poden presentarse no rexistro telemático a través da Sede electrónica do Concello de Ames . Tamén se poden presentar nas oficinas de asistencia en materia de rexistro de Bertamiráns e do Milladoiro; neste caso é necesario pedir cita previa a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén se pode presentar a documentación en calquera outro rexistro oficial habilitado, tal e como recolle o artigo 16 da Lei 3/2015 de 1 de outubro de procedemento administrativo común das AAPP.

É importante que as persoas que desexen tramitar a inscrición no Nadal Lúdico leven o impreso impreso e cuberto da casa, xa que nas oficinas de Rexistro non se vai facilitar copia dos impresos de inscrición debido á actual situación sanitaria derivada da Covid-19.

Cartel Nadal Lúdico.

Multimedia

  • Cartel Nadal Lúdico.