Pestanas principais

Abre o prazo de inscrición para o Setembro Lúdico 2018

Luns, 02 de xullo de 2018

[02-07-2018] A Concellaría de Educación abre o prazo de inscrición para o Setembro Lúdico, que permanecerá aberto ata o día 15 deste mesmo mes. Este programa de conciliación desenvolverase durante os días 3, 4, 5, 6, 7, 10 e 11 de setembro. Ofrece, como o resto dos programas lúdicos organizados polo Concello de Ames ao longo do ano, a posibilidade de solicitar o servizo de almorzo ou o de xantar. Premendo a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o formulario de inscrición.


No Setembro Lúdico poden participar as rapazas e os rapaces escolarizados no segundo ciclo de educación infantil e en educación primaria e empadroados no Concello de Ames. Outro dos requisitos para a participación é que os nenos e nenas para os que se solicite o programa pertenzan a unha unidade familiar empadroada na súa totalidade no Concello de Ames, no momento de presentar a correspondente solicitude.

Ademais, haberá que acreditar a necesidade da conciliación da vida laboral e familiar por parte dos dous proxenitores ou titores. Por último, os solicitantes deberán estar ao día no pagamento de todos os servizos ofertados polo Concello de Ames, e en xeral, non ter débedas co Concello.

Entre as 9:00 e as 14:00 horas desenvolveranse todas as actividades e xogos que engloba este programa, pero as familias poden solicitar o servizo Bos Días, que comeza ás 7:30 horas, ou o servizo de comedor. As nenas e nenos que non o soliciten serán recollidos ás 14:00 horas, os e as demais usuarios sairán ás 16:00 horas.

Trámites de inscrición
Aínda que o prazo de inscrición comeza o día 1 de xullo, as solicitudes poden presentarse a partir deste luns, 2 de xullo, primeiro día hábil. O prazo de inscrición estará aberto ata o día 15 de xullo. Os interesados/as poden recoller a documentación necesaria no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina en Bertamiráns, na Oficina municipal do Milladoiro ou na propia páxina web municipal.

A entrega da documentación farase no rexistro municipal na Casa do Concello, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns ou nas oficinas municipais do Milladoiro, entre as 09:00h e as 14:00 horas. As inscricións tamén se poden entregar a través do rexistro telemático.

Unha vez rematado o prazo de inscrición publicarase a lista de admitidos/as na que se indicarán os lugares das actividades por grupos nos taboleiros de anuncios da Casa do Concello, do Pazo da Peregrina e da Oficina Municipal do Milladoiro. Tamén se publicarán na sección de Aviso da web municipal. Para máis información poden chamar ao departamento de Educación marcando o número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "O prazo para o Setembro Lúdico de Ames estará aberto ata o vindeiro 15 deste mes"
Compostela 24 horas: "Aberto o prazo de inscrición para o Setembro Lúdico 2018"