- Tematica
O departamento de Normalización Lingüística de Ames, dentro do programa Apego, prepara para o mes de abril unha nova actividade. Trátase dunha excursión ao Ecomuseo do Pazo de Arxeriz, no Cabo do Mundo, e a Carballolandia, un ecoparque situado no concello de Chantada, na Ribeira Sacra, á beira do río Miño. Será o sábado 27 de abril, e ofrecerase servizo de autobús con saída ás 9:30 e regreso ás 21:00 horas ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns. As inscricións para participar na actividade, que está dirixida ao público familiar, son de balde. Hai prazas limitadas, polo que é preciso inscribirse. O prazo está aberto dende hoxe ata o vindeiro venres, 26 de abril, enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, no que se indique nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas.
Carballolandia é un ecoparque situado no concello de Chantada, na Ribeira Sacra, á beira do río Miño. O recinto está formado por un amplo espazo natural, ideal para que grupos e familias gocen do entorno e das diferentes actividades ao aire libre. Ademais, a excursión incluirá tamén unha visita ao Ecomuseo do Pazo de Arxeriz, combinando así etnografía, historia e natureza.
Ao longo da xornada do sábado 27 de abril realizaranse numerosas actividades ao aire libre, conducidas por Anxo Moure, o carballo con botas. Deste xeito, os cativos e cativas poderán gozar de contos nas árbores, paseos, xogos populares, xogo libre, bautizo en barca de río... e achegaranse ao mundo das árbores autóctonas, da contorna fluvial e dos seres mitolóxicos galegos, nun espazo natural pensado para o lecer e para a convivencia.
As familias inscritas sairán en autobús ás 9:30 horas, desde o Pazo da Peregrina de Bertamiráns e estarán de volta sobre as 21:00 horas, aproximadamente. O xantar e a merenda farase no campo, polo que cada familia ou grupo deberá levar a súa propia comida e bebida. Cómpre recordar que, aínda que a actividade é gratuíta, os adultos que desexen acceder ao museo do Pazo de Arxeriz deberán aboar a súa propia entrada, que ten un custe de 3 euros por persoa.
As persoas interesadas en participar só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que se indique nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe ata o venres 26 de abril. Non se admitirán inscricións fóra de tempo e as prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes. En caso de ter que aprazar a excursión por circunstancias meteorolóxicas, gardaráselle a praza a quen o desexe.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.
As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.