Pestanas principais

Abre o prazo de inscrición para participar nunha nova edición do obradoiro de lingua e cultura, En galego, co teu acento

Xoves, 08 de setembro de 2016

[08-09-2016] O Concello de Ames, a través das concellarías de Normalización Lingüística e de Servizos Sociais, abre este venres, 9 de setembro, o prazo para inscribirse nunha nova edición do obradoiro de lingua e cultura, En galego, co teu acento. Trátase dunha actividade gratuíta de 30 horas de duración que se desenvolverá de luns a venres nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro durante os meses de outubro, novembro e comezos de decembro. Ofrécense un total de 40 prazas (20 para cada localidade). O prazo de inscrición estará aberto ata o 23 de setembro.

O Concello de Ames ten unha alta porcentaxe de poboación chegada de fóra de Galicia. Na actualidade conta con persoas de 65 nacionalidades procedentes dos cinco continentes e cunhas 40 linguas. Esta realidade multicultural converte o concello amesán nun espazo privilexiado de intercambio cultural, unha interculturalidade que o enriquece enormemente.

A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, explica que “moitas destas persoas case non tiveron contacto coa lingua e coa cultura galegas e, por esta razón, enténdese necesaria a organización dun obradoiro dirixido fundamentalmente á poboación procedente de fóra de Galicia, co obxectivo de que adquiran nocións básicas de lingua e cultura galegas que contribúan á súa integración e asentamento e á cohesión social e que sirvan de paso previo á obtención dos certificados oficiais de lingua galega (CELGAS)”.

Deste xeito, as persoas asistentes achegaranse á lingua e á cultura progresivamente, nun proceso de aprendizaxe que pasa pola adquisición de coñecementos a partir fundamentalmente do traballo en equipo e da realización conxunta de actividades cotiás. Trátase dunha actividade basicamente práctica cuns mínimos contidos teóricos. Os obradoiros de lingua e cultura están dirixidos a todas aquelas persoas procedentes de fóra de Galicia que vivan en Ames, aos inmigrantes ou emigrantes retornados residentes no territorio municipal amesán, e a calquera persoa interesada en achegarse á lingua e á cultura galega.

Ademais, a través desta iniciativa preténdese proporcionar nocións básicas para a comprensión e a expresión oral e escrita da lingua galega; fomentar o achegamento á cultura é a historia de Galicia; dar a coñecer Ames, as infraestruturas e os servizos que ofrece a institución municipal; promover a cohesión social e a integración na sociedade galega e amesá, pór en valor a multiculturalidade de Ames e promover o intercambio cultural. 

Tramitación das inscricións
Os obradoiros de lingua e cultura desenvolveranse en Bertamiráns e no Milladoiro. En Bertamiráns as clases impartiranse no Pazo da Peregrina, do 3 ao 31 de outubro, en horario de 9:30 h a 11:00 h, de luns a venres. No Milladoiro, o obradoiro impartirase na Casa da Cultura desde o 7 de novembro ata o 2 de decembro, tamén de luns a venres e en horario de 9:00 h a 10:30 h. Os obradoiros duran un total de 30 horas, son gratuítos e hai 20 prazas para cada unha das localidades. As persoas que asintan, como mínimo, ao 90 % das sesións recibirán un diploma acreditativo da asistencia.

O prazo de inscrición comeza o 9 de setembro e alóngase ata o 23 do mesmo mes. As inscricións poden facerse tanto presencialmente, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns e nas Oficinas municipais do Milladoiro (Rúa de Abaixo, número 10), como a través do teléfono, chamando aos seguintes números: 662 377 215 e 981 525 349.