Pestanas principais

Abre o prazo de inscrición para unha nova edición do curso de primeiros auxilios organizado pola concellería de Mocidade

Luns, 04 de novembro de 2024

A Concellería de Mocidade oferta unha nova edición do curso gratuíto de primeiros auxilios, que se impartirá o sábado 23 de novembro. A actividade, que terá lugar na no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas, está dirixida preferentemente a persoas empadroadas entre os 14 e 30 anos cumpridos. Ofértanse 20 prazas. O prazo para presentar as solicitudes de inscrición comeza o 6 de novembro e estará aberto ata o día 13. Premendo nesta ligazón podes obter a ficha de inscrición.

Segundo datos da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias, un de cada tres españois non se sinte coa confianza suficiente para prestar os primeiros auxilios, e só un 18% sabe que facer ante un accidente doméstico, viario ou unha situación de emerxencia. Sen embargo, estes primeiros momentos poden resultar vitais nestas situacións.

Co obxectivo de colaborar para mudar estes datos, a Concellaría de Mocidade continúa coa súa aposta pola formación das mozas e mozos do concello coa organización dunha nova edición do curso de primeiros auxilios, a través do que se busca instruír aos asistentes nunha serie de actuacións e técnicas que lles permitan asistir de forma inmediata en certos accidentes, co obxectivo de que as lesións non empeoren mentres non chega a asistencia médica profesional.

Tras a boa acollida que tiveron as anteriores edicións, o Concello decidiu repetir esta actividade. O curso será de balde para o alumnado admitido, que ao rematar a formación recibirá un diploma acreditativo de ter superado con éxito o curso. Ademais, esta formación é imprescindible para perfís profesionais que desenvolven a súa actividade con todo tipo de colectivos, estendéndose a súa aplicabilidade a diferentes contextos como o lecer e o tempo libre, o sanitario ou o deportivo.

Contidos do curso
Durante 10 horas, ensinaránselle aos participantes contidos como o mantemento do soporte vital básico, a inmobilización de persoas enfermas ou feridas, e como intervir fronte feridas, contusións, queimaduras ou traumatismos. Desta maneira, búscase que os alumnos e alumnas saían desta formación coñecendo os fundamentos básicos dos primeiros auxilios, como aplicar as técnicas de reanimación cardiopulmonar cando sexa necesario, a mobilizar de maneira correcta a unha persoa ferida ou enferma e as técnicas básicas para poder actuar ante persoas con hemorraxias, feridas, queimaduras ou con traumatismos.

Para acadar estes obxectivos, seguirase unha metodoloxía baseada na adquisición de habilidades mediante o coñecemento de aspectos teóricos e a súa posta en práctica. Desta maneira, preténdese ofrecerlle aos alumnos unha acción formativa encamiñada a proporcionar os coñecementos, habilidades e actitudes que conforman as competencias básicas necesarias para realizar intervencións en primeiros auxilios en caso de accidente ou enfermidade.

O curso realizarase o sábado 23 de novembro no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, en horario intensivo de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. Para inscribirse, terán preferencia as mozas e mozos que se atopen entre os 14 e os 30 anos, aínda que, de non cubrirse as prazas dispoñibles, poderán acceder a esta actividade persoas empadroadas de máis idade.

Tramitación das inscricións
Para realizar a inscrición será necesario enviar a ficha de inscrición debidamente cumprimentada ao enderezo de correo electrónico xuventude@concellodeames.gal. As 20  prazas ofertadas iranse cubrindo por rigorosa orde de chegada. O prazo de inscrición remata o vindeiro 13 de novembro.

Será necesario que se inscriban polo menos 12 mozos/as, para poder facer un grupo e desenvolver o curso.

Para obter máis información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto co departamento de Mocidade a través do correo electrónico xuventude@concellodeames.gal.

Cartaz do curso de primeiros auxilios organizado pola concellería de Mocidade

Multimedia

  • Cartaz do curso de primeiros auxilios organizado pola concellería de Mocidade