Pestanas principais

Abre o prazo de matrícula na Escola Integral de Maiores

Luns, 28 de febreiro de 2022

A Escola Integral de Maiores do Milladoiro, coordinada pola OVA e dependente da Concellaría de Benestar Social e Voluntariado, volve case dous anos despois co obxectivo de promover a aprendizaxe nesta etapa da vida. As persoas maiores que queiran participar desta actividade deberán inscribirse na Oficina Municipal do Voluntariado, chamando ao teléfono 662 377 044 ou enviando un correo ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal.

Baixo o lema “Nunca é tarde para aprender” volve ao Concello de Ames a Escola Integral de Maiores. Esta actividade outórgalle ás persoas de Ames a oportunidade de continuar a súa educación básica. Da man do mestre Antonio Rodríguez, repasarán entre outros contidos a lectura e comentario de textos, a escritura ou conceptos matemáticos sinxelos. A poesía ou a música, un chisco de historia ou xeografía tamén serán temas a tratar nas clases.

Nesta nova edición ofrécense 20 prazas. Para reservar unha delas as persoas interesadas poden chamar ao teléfono 662 377 044, enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal ou presencialmente nas dependencias dos Servicios Sociais. As clases darán comezo o mércores 16 de marzo e terán lugar os mércores e venres ás 16:30 horas no antigo Centro de Saúde do Milladoiro.

O obxectivo principal da educación das persoas maiores é promover a aprendizaxe nesta etapa da vida e fomentar o autodesenvolvemento dos nosos maiores. E faino traballando dous aspectos: o desenvolvemento cognitivo, clave para desenvolver habilidades e manexar novas ferramentas e o desenvolvemento social onde as persoas maiores obteñen o seu propio espazo, recoñecendo socialmente as súas necesidades, intereses, motivacións e expectativas. Ademais, acudir a estes espazos fomenta a participación social, novos vínculos, fortalecemento das relacións interpersoais, inclusión social, entre outros.

A concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Luísa Feijóo, amosou a súa ledicia por retomar a Escola Integral de Maiores “despois deste tempo de parada obrigada pola situación de pandemia vemos máis necesario que nunca volver á tan ansiada "normalidade" e que mellor que ir recuperando programas que tan ben funcionaban e que tantas satisfaccións nos daban. Presentamos a escola de maiores como unha actividade de socialización e apoderamento a través do aprendizaxe e a adquisición de competencias básicas”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Volve a Escola Integral de Maiores con vinte prazas"

Compostela 24 Horas: "Ames abre o prazo de matrícula na Escola Integral de Maiores"

Abre o prazo de matrícula na Escola Integral de Maiores

Multimedia

  • Abre o prazo de matrícula na Escola Integral de Maiores