- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, informa da publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da convocatoria de axudas, para a adquisición de libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado do segundo ciclo de educación infantil (curso 2019-2020). O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto do 30 de maio ao 28 de xuño. A contía máxima destinada a esta convocatoria ascende a 7.500 euros, sendo de 120 euros o importe máximo concedido por cada nena ou neno. Premendo nos enlaces que están ao pé desta nova poderás consultar as bases desta convocatoria de axudas e imprimir o impreso de solicitude.
A convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar está dirixida aos pais e nais -ou titores legais- dos nenos e nenas matriculados no curso escolar 2019/2020 nun centro de ensino sostido con fondos públicos, no nivel de educación infantil (segunda etapa, de 3 a 5 anos). Estas bolsas permitirán financiar os gastos efectuados desde o 1 de xullo de 2019 e o día en que finalice o prazo de presentación das solicitudes, o 28 de xuño.
As unidades familiares solicitantes deberán estar empadroadas e residir de maneira efectiva no Concello de Ames no momento da solicitude. Outro dos requisitos que se debe cumprir é que as nenas e nenos, para os que se solicita a axuda, deben estar matriculados no curso escolar 2019/2020 en centros de ensino sostidos con fondos públicos, no segundo ciclo de educación infantil.
O procedemento para a concesión desta subvención será en réxime de concorrencia competitiva, mediante a comparación das solicitudes presentadas, a fin de establecer unha prelación entre as mesmas de acordo cos criterios de valoración establecidos nesta convocatoria, adxudicando, co límite fixado na base cuarta, aquelas que teñan maior valoración en aplicación dos citados criterios.
Axudas para as familias con menos recursos
A través da presente convocatoria preténdese propiciar que, a través da colaboración financeira do Concello de Ames para a compra dos libros de texto e demais material didáctico precisos para o normal desenvolvemento da actividade académica, a poboación escolar integrada en familias con menos recursos dispoña do material educativo preciso para o normal desenvolvemento da súa aprendizaxe, centrando o esforzo orzamentario na educación infantil, por ser esta a franxa de idade non cuberta pola Xunta de Galicia.
De igual maneira, a renda per cápita da unidade familiar, computando os ingresos percibidos por todos os seus integrantes no exercicio fiscal 2018, non pode ser superior ao 100 % do IPREM anual con pagas extras, fixado para o exercicio 2018 na cantidade de 7.519,59 euros. Para a determinación da renda per cápita sumaranse os ingresos anuais de todos os membros da unidade familiar maiores de idade, e dividirase entre o número de membros que formen a unidade familiar.
Presentación de solicitudes
As solicitudes poden ser presentadas no rexistro telemático, a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello, situadas na Casa do Concello e no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e na oficina municipal do Milladoiro, que están temporalmente situadas na Casa da Cultura do Milladoiro.
Tamén se poden presentar en calquera outro rexistro ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de Outubro de Procedemento Administrativo Común das AAPP. Sexa cal sexa a opción elixida das tres anteriores, só se poden presentar copias auténticas da documentación requirida. O prazo de presentación de solicitudes está aberto durante 30 días naturais, do 30 de maio ao 28 de xuño. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476, do departamento municipal de Educación.
Solicitude de cita previa para presentar a documentación
Na actualidade, debido á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19, para acudir ao rexistro municipal hai que solicitar cita previa para poder ser atendido. Para pedir cita para acudir ao rexistro hai que chamar en horario de 08:00 a 09:00 horas e de 14:00 a 15:00 horas, aos seguintes números de teléfono:
-Oficina de asistencia en materia de rexistro; Rexistro xeral de Bertamiráns: 881 074 709.
-Oficina de asistencia en materia de rexistro; Rexistro do Milladoiro: 881 074 901.
Tamén se pode solicitar cita previa enviando un correo electrónico a rexistro@concellodeames.gal / registro@concellodeames.gal, onde hai que indicar un número de teléfono para contactar.
>>ACCEDE AO TRÁMITE DE SOLICITUDE DAS AXUDAS PARA MATERIAL ESCOLAR
Novas relacionadas:
Compostela 24 horas: "Ames abre o prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar"