- Tematica
Xa está aberto o prazo de inscrición nas clases de ioga terapéutico e de taichi tradicional/chi kung que organiza a Concellería de Promoción da Saúde. Poderaste anotar ata o venres 23 de setembro ás 14.00 horas, enviando o impreso de inscrición por correo electrónico ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal indicando nome e apelidos, enderezo, teléfono de contacto, actividade e grupo no que queres participar. Estas actividades desenvolveranse nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro dende o 3 de outubro ata o 30 de xuño de 2023. Este ano como novidade incluíse na programación da Escola de Saúde as sesións de taichi tradicional e chi kung.
O vindeiro luns, 3 de outubro, dá comezo un novo curso da Escola de Saúde, que este ano ademais de sesións de ioga terapéutico inclúe como novidade dentro da programación as actividades de taichi tradicional e chi kung. Para participar nestas actividades, que se van realizar en Bertamiráns e no Milladoiro, ata o 30 de xuño, hai que inscribirse. O prazo de inscrición estará aberto ata o venres 23 de setembro, ás 14.00 horas. Para elo hai que enviar o impreso de inscrición por correo electrónico ao enderezo promociondasaude@concellodeames.gal indicando nome e apelidos, enderezo, teléfono de contacto, actividade e grupo no que queres participar.
O ioga terapéutico impartirase en espazos interiores: no pavillón polideportivo do Milladoiro os luns e mércores, de 10.00 a 11.00 horas, mentres que en Bertamiráns será no Pazo da Peregrina, os martes e xoves de 10.00 a 11.00 horas e os luns e mércores de 18.00 a 19.00 horas. O ioga combina o exercicio físico coa meditación para conseguir un resultado terapéutico.
O ioga en xeral é terapéutico no sentido de que é tanto exercicio físico como meditativo, o cal ten beneficios para o estado mental. O ioga terapéutico adopta un enfoque máis suave que se centra en posturas de apoio, exercicios de respiración e meditación guiada que poden ser útiles para os pacientes que se enfrontan a unha determinada enfermidade ou lesión. As clases de ioga terapéutico pódense personalizar e dar en pequenos grupos para mellorar a natureza relaxante e curativa das sesións.
Novas sesións de taichi tradicional e chi kung
Este ano como novidade incluíse na programación da Escola de Saúde as sesións de taichi tradicional e chi kung. Esta actividade impartirase en espazos exteriores: na contorna do pavillón do Milladoiro os luns e mércores de 17.00 a 18.00 horas, mentres que en Bertamiráns será nos xardíns do Pazo da Peregrina, os mércores e venres de 10.00 a 11.00 horas.
O taichi é apto para todas as idades e de intensidade regulable, corrixe, nutre e fortalece a túa estrutura. Mellora a túa forza-resistencia, flexibilidade, equilibrio, coordinación, memoria e propiocepción. Mellora a túa circulación e función orgánica, calma a túa mente e equilibra o teu estado emocional a través do desenvolvemento da atención plena.
Por outra banda, o Chi Kung é un sistema de desenvolvemento persoal para mellorar a saúde. Combina movementos suaves do corpo con relaxación e respiración. Trátase de movementos e respiración lenta. Mellora a flexibilidade, a conciencia corporal e a concentración. O organismo énchese de enerxía e esta flúe polo corpo aumentando a nosa vitalidade. Consegue unha relaxación na que somos conscientes dos nosos movementos, do noso interior e do contacto coa contorna. En China é moi practicado e apreciado polos seus beneficios no campo da saúde.
Chi kung (ou Qui Gong en chinés romanizado) significa control, dominio ou arte da enerxía. As súas metas xerais son: saúde, boa forma física, lonxevidade e cultivo das nosas propias facultades. O chi kung é unha ximnasia enerxética que fortalece o corpo e a mente distribuíndo de forma equilibrada a enerxía no noso corpo. O ideal é practicalo nun espazo aberto, na natureza; calquera momento é bo aínda que os mestres do chi kung consideran a saída do sol o momento máis apropiado por ser a hora da enerxía creativa.
A concelleira de Promoción da Saúde, Luisa Feijóo, destaca que “despois da gran acollida que tiveron durante o verán as actividades do programa “Activa Ames, Verán”, agora volvemos a poñer en marcha a Escola de Saúde con ioga terapéutico e cun importante novidade xa que tamén se van impartir sesións de taichi tradicional e chi kung. A práctica destas actividades reportan importantes beneficios a nivel físico, emocional e de saúde en xeral”.
Escola Municipal de Saúde
A Escola Municipal de Saúde naceu coa intención de establecer e impulsar estratexias dirixidas a fomentar o desenvolvemento de ferramentas e habilidades encamiñadas a coidar de xeito efectivo a saúde, entendida dende un punto de vista holístico. Tamén ten o obxectivo de promover a adopción de hábitos e estilos de vida saudables e fomentar a corresponsabilidade das persoas no coidado da súa saúde, acadando unha maior calidade de vida.
A través das actividades da Escola Municipal de Saúde as persoas participantes compartiran un espazo de encontro onde se abordará e se traballará, guiadas sempre por expertos/as, diferentes temas relacionados co autocoidados, a prevención, o benestar emocional, a parentalidade positiva e seguir afondando na promoción de hábitos de vida saudables: como son a actividade física, a alimentación saudable e a prevención de condutas aditivas… como aspectos claves do benestar, resolvendo dúbidas, compartindo diálogo, etc.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Anotacións para ioga, taichí e chi kung"