Pestanas principais

Abre o prazo para inscribirse no programa de conciliación Setembro Lúdico 2022

Venres, 08 de xullo de 2022

Dende hoxe venres 8 ata o venres 22 de xullo está aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación “Setembro Lúdico”, que se desenvolverá este ano nos días 1, 2, 5, 6 e 7 de setembro. Poderán participar aquelas familias empadroadas no concello de Ames, con crianzas escolarizadas no curso 2022/2023 no segundo ciclo de Educación Infantil, agás os nenos e nenas de 4º ou en Primaria, e que teñan a necesidade de conciliar. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedores e Bos Días. As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns), mediante solicitude de cita previa a través da Sede electrónica. Pódese obter o impreso de inscrición premendo nesta ligazón.

O programa de conciliación Setembro Lúdico volve co fin dos meses de verán de 2022, co fin de axudar ás familias amesás a compatibilizar a vida laboral e a familiar. Para sumarse ao servizo, cómpre que as nais, pais ou responsables legais acrediten a necesidade de conciliar. Neste senso, os centros educativos nos que se desenvolverá o Setembro Lúdico serán o CEIP da Maía, en Bertamiráns, e no Milladoiro, a EEI do Milladoiro e o CEP de Ventín. O programa desenvolverase nos días 1, 2, 5, 6 e 7 de setembro de 2022.

O Setembro Lúdico oferta os servizos de conciliación habituais nos programas do concello, como o Bos Días ou os comedores, co fin de adaptarse ás necesidades de cada familia. Deste xeito, os horarios de entrada dos nenos e nenas poden comezar ás 7:30 ou ás 9:00 horas, cun almorzo opcional para as crianzas máis madrugadoras, mentres que as horas de recollida serán as 14:30 ou as 16:00 horas.

Premendo nesta ligazón pódese obter o impreso de inscrición no programa Setembro Lúdico 2022.

Lugar de presentación de solicitudes

As solicitudes poden presentarse no rexistro telemático, a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Estas tamén se poden entregar de xeito presencial en calquera das oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. Neste caso deberá terse en conta que hai que pedir cita previa a través da Sede electrónica. Tamén se poden presentar a través de calquera outro rexistro ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro de procedemento administrativo común das AAPP.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, publicarase a lista provisional de persoas admitidas e excluídas na sección de avisos da web municipal e na páxina conciliames.gal, na que se establecerá un prazo para entregar a documentación requirida naqueles casos nos que sexa preciso.

Documentación necesaria

As persoas interesadas deben presentar a seguinte documentación, salvo que xa estea en poder do persoal do departamento de Educación: copia auténtica ou cotexada do libro de familia e do DNI do titular da conta; documentación que indique a ocupación dos pais, nais, ou responsables legais; certificados de traballo e, de ser o caso, certificación de estar realizando cursos de formación ou calquera outra que especifique a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar. De ser o caso, deberá presentarse ademais, un informe médico que acredite a necesidade de dieta ou calquera outro tipo de tratamento especial. No caso de ruptura familiar, tamén se debe presentar documentación que o xustifique.

Os nais, pais ou responsables legais das crianzas que participen este ano no Setembro Lúdico deberán asinar unha declaración responsable antes de comezar o programa. Unha vez cuberta, deberán entregarlla ao persoal coordinador que haxa en cada lugar habilitado para impartir o programa o primeiro día do seu inicio.

Para máis información pódese chamar ao número de teléfono do departamento de Educación, o 981 891 476, ou ben enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Abre o prazo para inscribirse no Setembro Lúdico"

AMSGO!: "Aberto ata o 22 de xullo o prazo para anotarse ao Setembro Lúdico"

Abre o prazo para inscribirse no programa de conciliación Setembro Lúdico 2022

Multimedia

  • Abre o prazo para inscribirse no programa de conciliación Setembro Lúdico 2022