Pestanas principais

Abre o prazo para participar na convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinado ao alumnado de segundo ciclo de educación infantil

Martes, 03 de novembro de 2015

[03-11-2015] O Concello de Ames informa sobre a convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar destinado ao alumnado de segundo ciclo de educación infantil para o curso 2015-2016. A contía máxima destinada a esta convocatoria de axudas ascende a 18.500 euros. As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral da Casa do Concello, en Bertamiráns, no Pazo da Peregrina, tamén en Bertamiráns, ou na Oficina municipal do Milladoiro. O prazo de presentación de solicitudes vai do 1 ao 30 de novembro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar as bases desta convocatoria de axudas e imprimir o impreso de solicitude.

Estas bolsas permitirán financiar os gastos efectuados desde o 1 de xullo ao 30 de novembro de 2015 en libros de texto, materiais curriculares e demais material didáctico e complementario. Poderán optar a estas subvencións os pais e nais -ou titores legais- dos nenos e nenas matriculados no curso escolar 2015/2016 nun centro de ensino sostido con fondos públicos, no nivel de Educación Infantil (2ª Etapa, de 3 a 5 anos).

Os requisitos que deberán cumprir os solicitantes son estar empadroados e residir de modo efectivo no Concello de Ames no momento da solicitude; as/os alumnas/os para os que se solicita as axudas deben estar matriculados no curso escolar 2015/2016 en centros de ensino sostidos con fondos públicos no nivel de Educación Infantil (2ª Etapa, de 3 a 5 anos); e que a renda per cápita da unidade familiar, computando os ingresos percibidos por todos os seus integrantes no exercicio 2014, non fora superior ao 100 % do IPREM anual con pagas extras fixado para o exercicio 2014 na cantidade de 7.455,14 euros.

As axudas teñen límites económicos por alumno que se establecen nas bases da convocatoria. Deste xeito, as unidades familiares cunha renda per cápita de menos do 50% do IPREM recibirán un importe máximo de axuda de 120 euros; as que conten cunha renda per cápita do 50% ata o 75% do IPREM, recibirán 100 euros, e para as unidades familiares con renda per cápita do 75% ao 100% do IPREM a axuda será de 80 euros.

Esta convocatoria de axudas está destinada aos alumnos e alumnas de segundo ciclo de educación infantil. As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral da Casa do Concello, en Bertamiráns, no Pazo da Peregrina, tamén en Bertamiráns, ou na Oficina municipal do Milladoiro. O prazo de presentación de solicitudes vai do 1 ao 30 de novembro. Para máis información podes chamar ao número de teléfono 981 891 476.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Axudas para mercar libros de texto e material escolar por un importe total de 18.500 euros"