Pestanas principais

Abre o prazo para presentar as solicitudes da convocatoria de axudas dirixida ás familias numerosas de Ames

Venres, 21 de xullo de 2023

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, informa de que este xoves, 20 de xullo, saíu publicada, no Boletín Oficial da Provincia (BOP), a convocatoria de axudas destinadas ao apoio económico das familias numerosas do municipio. A contía total destinada a estas axudas é de 100.000 euros, sendo de 1.200 euros o máximo do importe individual concedido a cada unidade de convivencia. Con esta iniciativa, o goberno municipal pretende axudar a aquelas familias que máis dificultades económicas teñan para a crianza das súas fillas e fillos. As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes no Rexistro telemático a través da sede electrónica do Concello de Ames ou de xeito presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro situadas na Casa do Concello e na oficina municipal do Milladoiro. O prazo para presentar as solicitudes vai do 21 de xullo ao 20 de agosto de 2023. Premendo nesta ligazón podes obter máis información sobre esta convocatoria.

Dende este venres 21 de xullo e ata o domingo 20 de agosto está aberta a convocatoria de axudas ás familias numerosas de Ames, cuxa contía ascende neste exercicio aos 100.000 euros, destinados ao apoio económico destas unidades familiares, á fixación de poboación e á continuidade do crecemento demográfico do concello. Neste senso, poden optar a estas subvencións as familias que teñan fixada a súa residencia habitual en Ames, con ao menos un ano de antigüidade ininterrompido, e que cumpran cos criterios de familia numerosa da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia ou doutros organismos similares doutras comunidades autónomas.

Como máximo, cada unidade de convivencia poderá recibir ata 1.200 euros, dependendo da renda e da cantidade de membros da familia. Deste xeito, as familias solicitantes non deberán superar os 14.108,01€ anuais, no caso de teren 3 fillos; os 16.734,20€ no caso de teren 4; os 18.990,57€ de teren 5; os 21.168,97€ de teren 6; os 23.227,84 de teren 7; e os 25.274,65 de teren 8. As familias con máis de 8 fillas ou fillos non deberán superar os 1.803,73 adicionais por membro.

No caso de que un dos proxenitores se atope traballando fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, e non figure empadroado neste municipio, deberá acreditalo con copia do correspondente contrato de traballo e calquera outro documento que acredite a residencia efectiva. No caso das familias monoparentais, só se requirirá o empadroamento, dun ano de antigüidade, do pai ou nai que teña a custodia das fillas ou fillos. Unha condición que tamén se lle aplica ás titoras e titores de menores de idade. De ningunha forma, poderán ser beneficiarias destas axudas persoas privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos. Cando unha mesma ou mesmo menor dea lugar á expedición de dous títulos de familia numerosa, a axuda só será concedida á persoa que ostente a custodia.

Presentación de solicitudes
As solicitudes deberán presentarse ata o 20 de agosto a través da sede electrónica do Concello de Ames ou de xeito presencial nas oficinas de asistencia en materia de rexistro situadas na Casa do Concello e na oficina municipal do Milladoiro. Tamén se poden presentar as solicitudes a través de calquera outro dos medios ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015 do 1 de outubro de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

>>ACCEDE AO TRÁMITE DE SOLICITUDE DE AXUDAS PARA FAMILIAS NUMEROSAS

As familias numerosas de Ames poden optar ata o 20 de agosto ás axudas para as súas unidades familiares