Pestanas principais

Abren as piscinas municipais descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro e maila praia fluvial de Tapia

Sábado, 15 de xuño de 2024

Hoxe sábado, 15 de xuño, comeza oficialmente o período estival en Ames xa que as piscinas descubertas municipais e a praia fluvial de Tapia abren ao público por primeira vez este ano. O horario de apertura das piscinas do Milladoiro e Bertamiráns será de 11:00 a 21:00 horas, de luns a domingo, mentres que na praia fluvial de Tapia o horario de apertura será de 15:00 a 21:00 horas, de luns a venres, e os sábados e domingos, de 11:00 a 21:00 horas. Durante estes horarios haberá servizo de vixilancia e socorrismo. Antes da apertura realizáronse traballos de acondicionamento e mellora nestas instalacións. Nos vasos das piscinas de Tapia e do Milladoiro realizáronse melloras de impermeabilización. As obras de Tapia tiveron un custo de 42.196,85 euros (IVE incluído), mentres que as obras da piscina do Milladoiro non tiveron custe porque houbo que realizalas pola deficiente execución das obras de mellora realizadas en 2023 en dita piscina.

As piscinas descubertas de Bertamiráns e O Milladoiro e a área recreativa de Tapia, que se atopa ás beiras do río Tambre, convértense durante os meses de verán en lugares moi concorridos por todos os veciños e veciñas de Ames. Estas instalacións preséntanse como grandes alternativas aos areais da costa galega. Estarán abertas do 15 de xuño ao 15 de setembro.

Para que estas instalacións estean nas condicións idóneas de cara ao inicio da temporada estival, o Concello de Ames estivo acondicionando as piscinas municipais descubertas e maila área recreativa de Tapia durante as últimas semanas. Como soe ser habitual realizáronse traballos de limpeza e mantemento de ditas instalacións municipais.

Obras de impermeabilización
Nos vasos das piscinas de Tapia e do Milladoiro realizáronse melloras de impermeabilización. As obras de Tapia tiveron un custo de 42.196,85 euros (IVE incluído). Para iso realizáronse traballos de limpeza da piscina (inspección e saneamento de soleira e paredes), colocación de lámina armada en todo o vaso e reposición de baldosas similares ás existentes.

Por outra banda, na piscina do Milladoiro os traballos de impermeabilización non tiveron custe, porque houbo que realizalos pola deficiente execución das obras de mellora realizadas en 2023 en dita piscina. Cómpre lembrar que as obras feitas o pasado ano incluíron a colocación dun novo valado, un novo sistema de filtrado e depuracións, e a impermeabilización das dúas piscinas descubertas do Milladoiro. Esta actuación formou parte do plan Ames Progresa 2021-2023 e foi adxudicada por un importe de 76.804,75 euros (IVE incluído).

Áreas de baño
No Milladoiro existen dúas piscinas (unha para as persoas adultas cunha profundidade de 2,10 metros e outra para os cativos que conta cunha profundidade de medio metro). Por outra banda, en Bertamiráns existe unha única piscina que dispón dunhas dimensións de 27 metros de longo por 13 metros de ancho e unha profundidade de 1,70 metros. En ambas as dúas instalacións realizáronse traballos de limpeza dos vasos das piscinas e clorado da auga.

A área fluvial de Tapia tamén se estivo acondicionado durante as últimas semanas. Realizáronse traballos de lavado das zonas de pedra, acondicionouse a zona do aparcadoiro, lavouse o vaso da piscina e clorouse a auga de dita piscina.

Servizo de vixilancia e socorrismo
O servizo de vixilancia e socorrismo comeza a prestarse o día 15 de xuño e estará activo ata o 15 de setembro, incluídos os domingos e os festivos. O horario será ininterrompido, pero haberá diferencias entre Tapia e as piscinas. Así, na praia fluvial de Tapia haberá catro socorristas, mentres que nas piscinas municipais descubertas do Milladoiro e de Bertamiráns haberá dous socorristas en cada unha das piscinas. Este persoal traballa en quendas para cubrir o horario completo no que estas instalacións están abertas.

Para completar os labores de vixilancia cóntase con seis vixiantes (dous en cada unha das instalacións). Estas persoas son as encargadas de limpar as piscinas descubertas, controlar a entrada a estas instalacións e de manter a orde dentro dos recintos. Cada piscina ten asignados dous vixiantes, que desenvolverán as tarefas por quendas, polo que sempre haberá unha persoa traballando para manter as instalacións.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Abiertas las piscinas de verano de Bertamiráns y O Milladoiro, y el área recreativa de Tapia"

El Correo Gallego: "Ames y Teo ya tienen abiertas sus renovadas piscinas y el área fluvial de Tapia hasta septiembre"

Imaxe da piscina do Milladoiro

Multimedia

  • Imaxe de arquivo da piscina de Bertamiráns
  • Imaxe de arquivo da piscina do Milladoiro
  • Imaxe de arquivo da área fluvial de Tapia