Pestanas principais

Ábrese o prazo de inscrición da campaña de esquí que organiza a Deputación da Coruña na estación de Manzaneda

Luns, 18 de novembro de 2019

O Concello de Ames participa outro ano máis na campaña de esquí que organiza a Deputación da Coruña entre o 31 de xaneiro ao 3 de febreiro. Está destinada a rapaces de 11 a 15 anos, ambos inclusive, cumpridos ata o 31 de decembro de 2020. Desta maneira, os participantes gozarán de 4 días na estación invernal de Cabeza de Manzaneda, ademais de cursos de esquí e outras actividades complementarias. Ofértanse 13 prazas para o Concello de Ames.

A Deputación Provincial da Coruña vén de pór en marcha unha nova campaña de esquí, cuxo obxectivo é achegar os deportes de inverno e a neve ás nenas e nenos da provincia. A iniciativa, que se desenvolverá ao longo de cinco quendas, estenderase dende o 24 de xaneiro ata o 24 de febreiro. A quenda do Concello de Ames será do 31 de xaneiro ao 3 de febreiro, e só poderán participar rapaces e rapazas empadroados/as no Concello.

O número de prazas destinadas aos rapaces do Concello de Ames é de 13. No caso de que o número de inscritos sexa maior a esa cifra, realizarase un sorteo público o 9 de decembro ás 12.00 horas na Casa do Concello. Ademais, teñen preferencia aqueles nenos e nenas que aínda non foran a ningunha campaña de neve da Deputación.

O prezo da actividade é de 85 euros, que inclúen: transporte, estadía e manutención na estación invernal de Cabeza de Manzaneda, monitores, clases de esquí, seguros, orzamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen as actividades e cursos programados.

Como formalizar a inscrición
As inscrición deberán ser formalizadas nos rexistros municipais do Concello, de luns a venres, en horario de 09:00h a 14:00 horas, entregando o impreso de inscrición debidamente cuberto e asinado polos proxenitores ou as persoas titoras da moza ou mozo solicitante. Á hora de realizar a inscrición, tamén se deberá facer entrega dunha foto carné e dunha fotocopia da tarxeta sanitaria, así como dunha fotocopia do libro de familia ou do carné de identidade. Unha vez que o Concello de Ames confirme ás persoas solicitantes a súa praza, estas deberán entregar unha copia do pagamento da cota de inscrición. O prazo de inscrición remata o próximo 4 de decembro.

No caso de que algunha nena ou neno participante precise dun tratamento específico ou sufra dalgunha doenza que haxa que ter en conta, haberá que achegar un xustificante médico asinado polo facultativo pertinente. Tamén é importante especificar as alerxias alimentarias ou de calquera outro tipo.

Para máis información pódese acudir á esta páxina web da Deputación da Coruña, chamar ao número de teléfono 981 080 644 ou enviar un correo electrónico ao enderezo gabinete.deportes@dicoruna.gal.

Cartel campaña esqui 2020

Multimedia

  • Cartel campaña esqui 2020