Pestanas principais

Ábrese o prazo para participar na XIX edición do Certame Literario de Ames

Venres, 11 de febreiro de 2022

A Concellaría de Normalización Lingüística presenta a décimo novena edición do Certame Literario de Ames, ao que as creadoras e creadores poden presentar os seus textos inéditos de narrativa e poesía en lingua galega. As candidaturas poderán remitirse ata o xoves 24 de marzo. As bases ao completo do certame poden consultarse premendo nesta ligazón. Descarga aquí a ficha de participación no XIX Certame Literario de Ames.

O Certame Literario de Ames roza xa as dúas décadas de lonxevidade como unha das iniciativas culturais máis consolidadas no concello. O concurso serviu xa como plataforma de despegue de numerosas escritoras e escritores, que recibiron un impulso inicial gañando este certame, mesmo en repetidas ocasións. Un ano máis o obxectivo volve ser a promoción da creación literaria en lingua galega, vista como un xeito de reforzar o proceso de normalización lingüística.

O certame ten dúas modalidades, narrativa e poesía, e cada unha delas componse á vez de tres categorías, de xeito que poden participar persoas de calquera idade. As nenas e nenos de ata 13 anos poden concursar na primeira categoría; a segunda está dirixida á rapazada de entre 14 e 17, mentres que a terceira está dirixida ás persoas de 18 anos ou máis. Outórganse tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as dúas modalidades, e editarase un libro colectivo con todos os textos premiados.

A decisión do xurado, conformado por persoas recoñecidas no ámbito cultural e literario, anunciarase publicamente o 10 de maio e os premios entregaranse o 13 de maio, nun acto que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.

Convocatoria aberta ata o xoves 24 de marzo

Para participar, as persoas que así o desexen teñen ata o xoves 24 de marzo para enviar os seus textos, inéditos e en galego. As participantes enviarán catro exemplares do texto en folios mecanografados a dobre espazo e tamaño de letra 12. Na modalidade de narrativa, a extensión mínima será de 2 páxinas e a máxima será de 6. Na modalidade de poesía a extensión mínima será de 20 versos e a máxima será de 50. O tema é libre e cada persoa poderá presentar, como máximo, un traballo en cada unha das modalidades.

É requisito que as obras se presenten baixo pseudónimo e que nos textos non aparezan datos persoais nin sinaturas. Nos catro exemplares do texto terán que figurar a modalidade (narrativa ou poesía), a categoría (1ª, 2ª ou 3ª) e o pseudónimo do autor ou autora.

Os datos persoais irán incluídos nun sobre pechado. Terán que constar: nome e apelidos, idade, copia do DNI, teléfono de contacto, enderezo postal e electrónico e declaración responsable de non estar incursa/o en supostos que impidan obter a condición de beneficiaria/o e de atoparse ao corrente nas obrigas tributarias e coa seguridade social.

As persoas menores de idade deben achegar os datos dunha persoa maior de idade que exerza como representante legal. O sobre pechado cos datos persoais e as catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande.

O enderezo ao que se deben remitir os textos é o seguinte: Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. Avenida de Azcárraga, número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña.

Publicación das obras premiadas

Ademais, como é habitual, o Concello de Ames publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando os autores ou autoras con cinco exemplares do volume que se edite. Para esta publicación, as persoas gañadoras do certame deberán entregar os textos en formato dixital. Se o autor ou autora publica pola súa conta algún dos textos gañadores, deberá facer referencia ao premio obtido neste certame.

As persoas interesadas en recibir máis información sobre este certame literario poden chamar ao número de teléfono 662 377 215 ou enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal correspondente ao Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames.

As bases ao completo da XIX edición do Certame Literario de Ames poden consultarse premendo nesta ligazón.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Nova edición do certame literario amesán para narrativa e poesía"

Ábrese o prazo para participar na XIX edición do Certame Literario de Ames

Multimedia

  • Ábrese o prazo para participar na XIX edición do Certame Literario de Ames