Pestanas principais

“Acércate” contará este ano coa presenza da artista “Lola Vendetta”

Luns, 29 de novembro de 2021

As xornadas de Igualdade e prevención da violencia de xénero en Ames, “Acércate”, que organiza a Concellaría de Igualdade, acadan este ano a súa XI edición. Celebraranse o sábado, 4 de decembro na Casa de Cultura de Bertamiráns e contarán, como convidada, con Lola Vendetta, alter ego da debuxante Raquel Riba Rossy, que, baixo o título “Más vale Lola que mal acompañada”, ofrecerá unha charla e un taller de ilustración. As inscricións poden facerse en  www.acercateaigualdade.com.

Calquera persoa que o desexe pode participar na XI Xornadas de Igualdade e prevención da violencia de xénero en Ames “Acércate”, que este ano desenvolverase o 4 de decembro entre as 10:00 e ás 14:00 horas. Ao evento adoitan apuntarse profesionais da educación, adolescentes, pais, nais e persoal de varios organismos relacionados coa igualdade de xénero.

Charla e obradoiro de "Lola Vendetta"

Este ano as xornadas contarán coa presenza da ilustradora Raquel Riba Rossy, máis coñecida polo seu alcume de “Lola Vendetta” que ofrecerá unha charla-coloquio e un obradoiro dirixido a dirixido a profesionais do sector, alumnado e público xeral. A artista, que estudou Belas Artes na Universidade de Barcelona e ten máis de 150.000 seguidores na rede, impulsa o empoderamento feminino a través de viñetas satíricas e reivindicativas nas que fala de machismos encubertos, relacións sexuais frustradas e conflitos de parella.

“Traballaba de azafata de eventos e tiña moito tempo libre, así que comecei a preguntarme porque había tantos homes nos eventos de xente intelectual e porque as poucas mulleres que había estaban de pé sobre tacóns saudando e pensei: non é cómodo, non me gusta”, declaraba Raquel Riba nunha entrevista concedida ao diario La Vanguardia na que explicaba como naceu Lola Vendetta: “Nun dos congresos aparentei tomar notas sobre os clientes cando en realidade estaba a me desafogar e a apuntar ideas. De aí naceu Lola Vendetta”.

Para a concelleira Luísa Feijóo: “As xornadas, xunto co Acto Institucional, constitúen o núcleo central das actividades que o concello organiza co gallo do 25N. As xornadas teñen o valor de convidar á reflexión, ao debate, a poñer atención en moitas cuestións que decotío pasan desapercibidas e que seguen a seguir apontoando desigualdades e violencias”. Feijóo engade que as xornadas “provocan unha grande expectación sectores como o da educación os servizos sociais, o que se traducen en que sempre  mobilicen a máis de 300 persoas”.

As xornadas “Acércate” adoitan contar coa presenza de entre 300 e 400 persoas. Non é a primeira vez que o evento achega a Ames figuras  que defenden a igualdade e teñen grande repercusión mediática. Por este foro xa teñen pasado persoas como a escritora e activista pro-sex, Amarna Miller ou a Antía Yáñez, escritora e gañadora do Premio Illa Nova de Narrativa pola súa obra “Senlleiras”

As persoas interesadas en participar deben enviar un correo a www.acercateaigualdade.com.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Xornadas para a Igualdade da man de Lola Vendetta en Bertamiráns o 4 de decembro"

AMSGO!: "“Acércate” propón unha xornada pola igualdade o sábado 4"

cartaz

Multimedia

  • “Acércate” contará este ano coa presenza da artista “Lola Vendetta”