- Tematica
O Concello de Ames chega a un acordo de pleno consenso por mediación do alcalde, Blas García, cos comerciantes afectados polas obras que se van executar rúa do Ameneiral, que impedirá que o mercado de rúa de Bertamiráns se celebre na localización habitual de todos os sábados. Na xuntanza mantida chegouse á conclusión de que a mellor opción para proseguir coa actividade do mercadillo será a travesía da Peregrina.
Este proceso participativo fixo posible que todos os vendedores ambulantes puidesen proporcionar as súas achegas para tomar a decisión máis conveniente para o conxunto do colectivo de forma democrática.
Tras unha xuntanza na que participaron o alcalde, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, técnicos municipais e unha trintena de comerciantes, que representan ao conxunto dos sectores comerciais, chegouse á conclusión de que a mellor opción para proseguir coa actividade será a travesía da Peregrina. Con esta decisión buscouse “incomodar o menos posible á veciñanza e defender os intereses dos comerciantes que conforman o mercadillo”.
O alcalde asegura que “estas obras que hoxe obrigan a facer este traslado mellorarán este espazo comercial e permitirá que siga medrando, incorporando a 17 persoas que se encontran en lista de espera”.
“Esta solución garante un cambio non traumático que permite continuar cunha relativa normalidade sen perturbar de forma excesiva a normalidade veciñal”, afirma Blas García. “Non comprometer prazas de aparcamento pesou á hora da elección pois un gran volume do comercio está en persoas residentes en Brión, Santiago e Negreira que non acudirían de non poder estacionar con relativa facilidade”, finaliza.
Pese a que estas obras non afectará á rúa Entrerríos, vía na que tamén se establece esta área comercial, todos os comerciantes serán mobilizados para concentrar todo o comercio nunha mesma zona e non deixar a ningún sector atrás.
Está contemplado que as obras, que comezarán a mediados de agosto, teñan unha duración de 4 meses, polo que as previsións indican que a mediados de novembro se poderá recuperar a normalidade.
As incidencias que obrigan a este traslado temporal correspóndense á continuación da reforma da améndoa central, que están cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), proseguindo así o Concello de Ames co proceso de humanización no núcleo de Bertamiráns que se enmarca na EDUSI Impulsa Ames.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El mercadillo de Bertamiráns se reubica de forma temporal por las obras de humanización"
AMS GO!: "O mercadiño do sábado pasará temporalmente para a rúa Peregrina, polas obras en Ameneiral"