Pestanas principais

A actividade física como estilo de vida centrará a primeira das charlas da nova edición do programa Falemos de Saúde

Martes, 08 de maio de 2018

[08-05-2018] Este mércores, 9 de maio, o local de JUPEMI no Milladoiro acollerá, ás 17:00 horas, unha nova charla do programa Falemos de Saúde. Nesta ocasión, a charla-obradoiro estará centrada na actividade física como estilo de vida. Impartida pola médica do centro de saúde Beiramar de Vigo, Susana Aldecoa, a charla abordará a relación entre o benestar físico e a práctica deportiva. Esta primeira conferencia inaugurará o ciclo de dez palestras que o Concello de Ames organiza en colaboración coa Asoaciación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC), dentro do programa Falemos de Saúde.

Unha nova edición do programa Falemos de Saúde estréase este mércores, 9 de maio, no local de persoas xubiladas JUPEMI no Milladoiro. A primeira charla, que terá lugar ás 17:00 horas, estará centrada na actividade física como estilo de vida. Impartida por Susana Aldecoa, médica no centro de saúde Beiramar de Vigo; esta primeira intervención afondará na importancia do exercicio físico na terceira idade. Deste xeito, o mércores abordarase, entre outras cuestións, a relación entre o benestar físico e emocional e a práctica do deporte. 

Dez charlas-obradoiros ata finais de ano
A seguinte das charlas desta segunda edición do programa Falemos de Saúde celebrarase o vindeiro 30 de maio. Nesta palestra afondarase na problemática da sobrecarga á que se ven expostas as persoas coidadoras e ofreceranse, asemade, diferentes técnicas de relaxación. O 13 de xuño, a terceira das charlas do programa tratará acerca da alimentación saudable como estilo de vida.

Após o período estival, a primeira das charlas en ter lugar estará centrada na diabetes, na súa prevención e nos seus coidados. Esta conferencia celebrarase o 26 de setembro. Posteriormente, o 10 de outubro, realizarase unha palestra na se que abordará a prevención de determinados problemas de memoria; mentres que 24 dese mes, o tema protagonista da conferencia será a saúde mental, nomeadamente a xestión das emocións e do dolo.

No mes de novembro, realizaranse catro charlas do programa Falemos de Saúde. O día 7, a palestra tratará acerca da sexualidade na madurez; o 21 de novembro, a charla-obradoiro tratará acerca das dores musculares; no entanto que o día 28 farao sobre solo pélvico e as súas problemáticas. Por último, o 12 de decembro, a última das charlas desta nova edición do Falemos de Saúde analizará a correcta administración de fármacos e a organización do tratamento. Este ciclo de charlas-obradoiros está organizado polo Concello de Ames en colaboración coa Asoaciación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (AGEFEC).

Primeira edición do programa Falemos de Saúde
O programa Falemos de Saúde foi posto en marcha polo Concello de Ames no mes de marzo do 2017. A primeira edición deste programa estivo conformada por 11 charlas-obradoiros, principalmente dirixidas ás mulleres, xa que nelas se trataron fundamentalmente diversas doenzas femininas ou de prevalencia feminina. As charlas da primeira edición versaron sobre as disfuncións do solo pélvico, a autoestima e o empoderamento, o acompañamento das persoas con cancro, a sexualidade na idade adulta, a idade saudable, a menopausia, o control do estrés e da ansiedade, a prevención da drogodependencia, a corresponsabilidade e a igualdade, a adición sen substancia e o alzhéimer.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca que o máis importante deste programa é “ a posta en valor do concepto de saúde, entendéndoo máis como un dereito que como unha obriga”. “O programa Falemos de Saúde pretende ser un espazo de xuntanza, de debate e reflexión, onde se aborden aspectos da saúde desde unha perspectiva biopsicosocial e de xénero”, engade Luísa Feijóo.



Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "La actividad física como estilo de vida centrará la primera de las charlas de la nueva edición del programa Falemos de Saúde"