Pestanas principais

Acto de fin de curso e festa coas familias da EIM A Madalena

Mércores, 15 de xuño de 2016

[15-06-2016] Esta fin de semana o alumnado da escola infantil da Madalena ten celebración por partida dobre. O venres, na Casa da Cultura do Milladoiro, terá lugar a festa de fin de curso, con actuacións da ANPA e dos nenos e nenas de 2 a 3 anos. O sábado as familias están convidadas a participar nunha festa na praia fluvial de Tapia. Ademais, durante esta semana pasada o alumnado da escola infantil A Madalena visitou a Granxa ecuestre La Croupe e recibiron a visita de dous membros do G.E.S de Brión.

Este venres, 17 de xuño, ás 17:00 horas, a Casa da Cultura do Milladoiro acolle a festa de fin de curso da EIM A Madalena, que despide aos pequenos e pequenas de 2 a 3 anos, que de cara o próximo curso inician estudos nas escolas de educación infantil. A ANPA e os grupos de maiores prepararon actuacións para amenizar a tarde. Ademais, tralo acto de despedida, trasladarase a festa ao centro para rematar a tarde cunha merenda.

O sábado, 18 de xuño, a escola organiza unha festa para as familias na praia fluvial de Tapia. Para asistir deberase respectar o código de vestimenta e acudir cunha camiseta de cor branco. Por un bo motivo, xa que unha das actividades consistirá en decorar as camisetas. Comezará ás 11:00 horas, cunha chea de obradoiros de maquillaxe, tatuaxes, globoflexia, xogos tradicionais, pintura de casiñas e actividades de lectura. Farase unha pausa ás 14:00 horas para o xantar, que cada quen levará da súa casa. A tarde continuará con xogos musicais, actuacións e as bromas do pallaso François. Ás 17:30 horas comezará a festa con inchables, última actividade para despedir este sábado en familia.

Derradeiras actividades antes do remate do curso
A pasada semana os alumnos e alumnas da EIM A Madalena visitaron o centro ecuestre La Croupé, situado en Pegariños, no municipio de Ames. Ata alí foron as pequenas e pequenos de 2 a 3 anos. Visitaron as instalacións, cepillaron aos ponis e montaron neles. Ademais coñeceron aos outros animais que comparten fogar con ponis e cabalos, déronlle de comer a unha llama e a un mapache e visitaron a casiña dun mono.

A EIM recibiu ademais a visita de dous membros do G.E.S de Brión, que chegaron á escola co seu camión. Empregar a mangueira, subirse ao camión ou acender a sirena foron algunhas das cousas que lles ensinaron ao alumnado. Ambos falaron ao seu público sobre o seu traballo e ensináronlles como eran os seus traxes e cascos. Toda a escola saíu recibilos, incluso os máis pequenos e pequenas de 0 a 1 ano.

A Escola infantil A Madalena realiza periodicamente actividades que complementan as unidades didácticas que se tratan nas aulas. A excursión e a visita de membros do G.E.S de Brión encádrase dentro desta idea pedagóxica.