Pestanas principais

A actualización da RPT queda sobre a mesa á espera de ser votada nun próximo pleno no que estean os 21 concelleiros/as da corporación municipal

Xoves, 15 de decembro de 2016

[15-12-2016] Este mércores, 14 de decembro, celebrouse un pleno extraordinario cunha orde do día que recollía tres temas. En primeiro lugar aprobouse a urxencia de dita sesión plenaria, xa que era preciso aprobar a estratexia coa que o Concello de Ames se presenta á segunda convocatoria de fondos europeos DUSI, xa que no día de hoxe finaliza o prazo para presentar dita candidatura. Por outra banda, abordouse a resolución de alegacións e a aprobación definitiva da segunda modificación puntual da RPT. A instancias do concelleiro non adscrito, Javier López, este tema quedou encima da mesa á espera de ser votada nun próximo pleno no que estean os 21 concelleiros/as que forman a corporación municipal. Neste pleno Ames Novo contou con tres edís trala baixa de Xaime Subiela e á espera da incorporación de Enrique Costas.

O Pleno extraordinario celebrado onte comezou coa corporación ratificando por unanimidade a urxencia da convocatoria. Dita urxencia débese a que hoxe remata o prazo para presentar a candidatura do Concello de Ames á segunda convocatoria para a selección de estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (DUSI). Así, este foi o primeiro punto que se debateu sendo tamén aprobado por unanimidade de toda a corporación.

Tal e como explicou o alcalde, José Miñones, “no pasado mes de xaneiro o Concello de Ames presentouse á primeira convocatoria DUSI coa estratexia de Impulsa Ames, obtendo unha valoración de 58,75 puntos e quedando a 1,5 do corte. Na visita que fixemos no pasado mes de outubro ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, na que participei eu mesmo e os técnicos do Concello e da propia consultora, déusenos traslado dos puntos fortes e débiles así como una serie de pautas para mellorar a estratexia presentada. Dende o goberno non dubidamos en volver a presentarnos a esta segunda convocatoria e fixémolo coa mesma consultora que na primeira convocatoria, xa que a mellora do proxecto elaborárono de xeito gratuíto”.

Dende os grupos municipais da oposición destacaron a mellora da estratexia que se vai presentar a esta segunda convocatoria, tanto na forma como no fondo. As principais queixas sobre a elaboración de dito proxecto viñeron por parte de Pacto por Ames que aludiron á falta de actualización da páxina web Ames 2020 feita especificamente para fomentar a participación no proceso de elaboración de dita estratexia, e por parte de Ames Novo, que catalogaron o proxecto de “ser moi aparente, pero con falta de fondo político”. Ademais, dende este mesmo grupo municipal dixeron que “todos os cartos que veñan para Ames son bos, pero que non estamos de acordo en priorizar os proxectos recollidos no documento sobre outros”.

Mellora da estratexia de Impulsa Ames
Na nova estratexia de Impulsa Ames mellorouse o apartado inicial de identificación de problemas e ampliouse a toma de datos para a súa identificación con programas e plans elaborados ao longo deste ano como son a auditoría enerxética, o mapa educativo ou os programas de accesibilidade, xunto a outros xa existentes como o plan de igualdade, a Axenda21, o plan de emprego, o plan de administración electrónica ou o PXOM. A inclusión desta información permitirá mellorar considerablemente no apartado inicial no que se obtivera unha mala nota debido á falta de tempo para o seu desenvolvemento na primeira convocatoria. Tamén se lle deu un cambio ao formato de presentación moito máis visual e dinámico de cara a facilitar a lectura do documento.

O plan de implementación e o ámbito de actuación son dous dos principais bloques de valoración da estratexia nos que o Concello recibira dúas bos notas na primeira convocatoria e que o propio Ministerio destacou na visita realizada. É por isto que reforzouse no obxectivo temático 9 cunha nova acción dirixida ao ámbito social o que permitirá incrementar o porcentaxe de dedicación a este obxectivo ata o 28.8%, mellorando así a proposta inicial tal e como se recomendaba. Ademais, fixéronse melloras no cronograma e na congruencia da estratexia global cunha redacción realizada por unha persoa distinta á redacción inicial, para acadar un punto de vista distinto e identificar mellor os erros do anterior documento. A xefa de proxectos da consultora EOSA foi a encargada de levar o peso do proxecto.

Deste xeito, Ames optará a 5 millóns de subvención. O investimento total sería de 6,25 millóns de euros. No caso de que se conceda dita axuda o Concello tería que achegar o 20% restante, que ascendería ao importe de 1,25 millóns de euros. O total dos fondos que se reparten nesta convocatoria é de 35 millóns. Miñones indicou que “a competencia será elevada, xa non só pola calidade das propostas dos concellos galegos que foi destacada polo Ministerio na anterior convocatoria, senón pola escasa contía a repartir entre tres concellos de gran tamaño como son A Coruña, Ferrol e Ourense, que optan a 15 millóns cada un, e entre municipios similares a Ames como son Carballo, Arteixo e Oleiros”.

Actualización da RPT
O tema que provocou máis debate foi a resolución de alegacións e a aprobación definitiva da segunda modificación puntual da Relación de Postos de Traballo do Concello de Ames. A corporación municipal debateu durante máis de dúas horas este asunto. No salón de plenos xuntouse un gran número de público entre o que había moitos traballadores e traballadoras municipais que se interesaron por este tema de índole laboral.

Cómpre lembrar que a actualización da RPT foi aprobada de xeito inicial en sesión plenaria o 30 de xuño. Posteriormente, dito documento foi publicado no Boletín Oficial da Provincia e estivo en exposición pública durante un prazo de 20 días hábiles. Durante ese prazo presentáronse un total de 10 alegacións que foron informadas polo asesor-redactor técnico de dita modificación da RPT e por parte da secretaria municipal, propoñéndose en ambos informes a desestimación das alegacións presentadas cunha única excepción, que era a presentada polo propio asesor e redactor técnico da RPT, que consiste na corrección de dous erros detectados no documento inicial. A maiores o goberno engadiu unha modificación na bolsa de conserxes que solicitaran dous dos grupos da oposición nas súas alegacións.

Neste punto o rexedor municipal incidiu en que “se mantiveron contactos cos grupos da oposición nos meses de setembro e outubro, para intentar chegar a un acordo sobre este asunto pero en ningún momento nos achegaron propostas concretas. Dende Ames Novo sempre se nos dixo que tiñamos que chegar a un acordo coa comunidade educativa sobre o posto de conserxería do CEP de Ventín e así o fixemos. O goberno atendeu á solicitude de eliminar a bolsa de conserxes que se creaba para dar cobertura á vacante da conserxería do CEP de Ventín, ao ter que volver ao seu posto na brigada o traballador que desempeña estas funcións na actualidade”.

“Dende o goberno xustificouse por que é necesario a creación dun novo posto de habilitado nacional e a bolsa de conserxes, e o 29 de outubro, envióuselles aos grupos da oposición varios informes e se lles pediu o seu posicionamento para levar este asunto ao pleno. Houbo de prazo ata o 7 de novembro. Realmente non tivemos contestación dese escrito por parte do PP e de Pacto por Ames. O concelleiro non adscrito, Javier López, xa nos trasladara o seu posicionamento favorable ao que dixeran os representantes dos traballadores, e no caso de Ames Noso unicamente nos trasladaron que nos puxeramos de acordo coa comunidade educativa de Ventín, xa que eles non apoiarían ningunha proposta que non estivera avalada por dita comunicade educativa”, apuntou Miñones.

Acordo cos representantes dos traballadores
“En conversas e reunións posteriores deuse traslado dos informes xurídicos solicitados e do acordo ao que se chegou en Mesa Xeral de Negociación, avalado polo 71% dos representantes do persoal municipal. Ademais, en reunións mantidas coa comunidade educativa de Ventín chegamos a un acordo eliminando a bolsa de conserxes e para incorporar na RPT a praza de conserxería con cobertura da lista de agarda”, finalizou dicindo o alcalde.

Os partidos da oposición mostraron o seu desacordo con dita actualización da RPT. Deste xeito, dende Ames Novo, a súa voceira, Pilar Candocia, comezou dicindo que “é necesario realizar unha modificación da RPT e que se recollan os postos existentes dentro da estrutura de persoal do Concello, pero esta actualización non recolle o problema de que os traballadores desenvolven labores que non lles corresponden”. Candocia tamén incidiu en que “a modificación da RPT hai que negociala cos representantes dos traballadores, pero ademais hai que aprobala en Pleno. Nós entendemos que o goberno non tivo a disposición de negociar coa oposición e por iso estamos neste punto. Coñecer como foi o proceso parécenos algo fundamental para poder tomar unha decisión e non se contou con todos os concelleiros que estamos aquí”.

Ademais, a voceira de Ames Novo cualificou de “manobra” traer a aprobación definitiva da RPT a un pleno extraordinario no cal o seu grupo estaba cun edil menos do que lle corresponde, xa que trala baixa de Xaime Subiela aínda non tomou posesión da acta de concelleiro Enrique Costas.

O voceiro do Partido Popular, Alberto Piñeiro, manifestou que se trataba “dun asunto moi sensible xa que afecta aos traballadores e traballadores municipais que son os encargados de prestar os servizos que se ofrecen aos veciños. O problema desta RPT arrástrase dende a súa creación. A estrutura do persoal do Concello conta con moitos auxiliares administrativos, poucos técnicos e algúns cargos de nivel superior. É necesario realizar unha actualización en profundidade, pero parécenos que no proceso que se realizou non se tivo en conta aos grupos municipais da oposición. Ademais, cremos que para ser unha pequena modificación, que se presentaran 10 alegacións, parécennos demasiadas”.

Ramón Argibay, voceiro de pacto por Ames, explicou que “estamos mantendo unha postura coherente dende o primeiro momento porque en xuño xa votamos en contra desta modificación da RPT. Agora, cremos que segue todo igual a excepción da supresión da bolsa de conserxes. Non se avanzou e cremos que non houbo vontade de negociación. Estamos en contra da creación dunha nova praza de habilitado nacional e cremos que hai que apostar pola promoción interna dentro do persoal municipal. Este é un documento que debería ser actualizado, pero con máis detemento e con máis negociación. A actualización dunha RPT debería ter o consenso de todos”.

Proposta de deixar o asunto encima da mesa
O concelleiro non adscrito, Javier López, agradeceu o traballo feito polo goberno municipal e polos representantes do persoal nas diferentes reunións mantidas para chegar a un acordo na modificación da RPT. “Eu sempre dixen que apoiaría o acordo que saíse da Mesa Xeral de Negociación, onde está representado o goberno e os traballadores do Concello”, explicou López. Asemade, o concelleiro non adscrito presentou a proposta de deixar este punto encima da mesa á espera de ser votada nun próximo pleno no que estean os 21 concelleiros/as que forman a corporación municipal. Neste pleno Ames Novo contou con tres edís trala baixa de Xaime Subiela e á espera da incorporación de Enrique Costas.

O alcalde recalcou que non se realizou ningún tipo de manobra. “Acordamos na Mesa Xeral de Negociación cos representantes do persoal do Concello que este punto xa ía a vir a pleno en novembro. Finalmente non puido ser así porque aínda tivemos unha reunión co grupo de Ames Novo o pasado 2 de decembro. Por ese motivo trouxemos a aprobación definitiva da RPT a este pleno extraordinario. Ademais, se deixamos este asunto para o pleno de decembro pode ser que tampouco esteamos os 21 concelleiros trala renuncia do voceiro do PP”. Ademais, o rexedor municipal incidiu en que non houbo falta de negociación. “Chegamos a un acordo cos representantes dos traballadores cos que mantivemos máis de 10 xuntanzas nunha comisión de traballo específica para este fin. Aos grupos da oposición facilitámoslle todos os informes que nos solicitaron, pedímoslle que presentasen propostas concretas, e tal e como solicitaron os grupos políticos e a comunidade educativa eliminamos a bolsa de conserxes”.

Finalmente, votouse o proposta feita por Javier López de deixar o punto encima da mesa. Esta proposta saíu adiante cos votos a favor dos catro concelleiros/as do Partido Popular, dos tres edís de Ames Novo, dos tres membros de Pacto por Ames e do propio Javier López. Os nove concelleiros e concelleiras do grupo de goberno votaron en contra. Ao ser aprobada esta proposta xa non foi necesario votar dito asunto.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames aprueba presentarse a la segunda convocatoria de los fondos europeos DUSI"
El Correo Gallego: "Plantilla amiense, a consenso"