Pestanas principais

A adaptación de Excéntricas de “O porco de pé” chega a Bertamiráns este venres 30 de setembro

Martes, 27 de setembro de 2022

A compañía Producións Teatrais Excéntricas achega a Ames a obra “O porco de pé”, unha representación da clásica novela de Vicente Risco. A adaptación da sátira, orixinalmente baseada nos anos vinte do século XX, mostrará un relato de corrupción política, amor e personaxes grotescos e caricaturescos. Será o próximo venres 30 de setembro, ás 20:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. As entradas poden adquirirse xa na Billeteira electrónica.

O Porco, o animal totémico dos cocidos e dos entroidos, toma os teatros para demostrar a sua superioridade sobre os seres humanos. Coa representación de “O porco de pé”, Producións Teatrais Excéntricas busca reinventar este retrato da sociedade da Xeración Nós, cunha obra chea de fenómenos e monstros de barracón.

Unha sucesión de grotescos personaxes, caricaturescos como marionetas, representan seguindo os principios da farsa popular unha historia de corrupción política e de amor, cunha viaxe a través do relato de Risco de hai case cen anos.

As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames, cun prezo de 5 euros. Pola súa banda, o prezo reducido é de 2,5 euros.

Ademais desta representación no serán do venres, ás 12:00 horas realizarase unha función escolar, á que vai asistir alumnado dos IES de Bertamiráns e do Milladoiro. Esta actuación chega a Ames ao abeiro do Fondo Xacobeo 21-22 e da man do programa FalaRedes, da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Representan ‘O porco de pé’ de Risco este venres"

AMSGO!: "‘O Porco de pé’, de Edicións Positivas, o venres 30 en Bertamiráns"

Lindeiros: "A adaptación de Excéntricas de “O porco de pé” en Ames"

A adaptación de Excéntricas de “O porco de pé” chega a Bertamiráns este venres 30 de setembro

Multimedia

  • A adaptación de Excéntricas de “O porco de pé” chega a Bertamiráns este venres 30 de setembro