Pestanas principais

Adiada pola previsión meteorolóxica a saída de rastrexo diúrno da Aula da Natureza

Mércores, 09 de marzo de 2022

Por mor das previsións de chuvia para este sábado 12, queda adiada a saída de rastrexo diúrno de pegadas de animais. Esta é a segunda parte do ciclo “Séguelle a pista”, promovido pola Aula da Natureza na súa programación infantil-xuvenil de primavera. Neste senso, o pasado sábado 5 celebrouse a primeira metade desta proposta, un obradoiro no que a rapazada puido coñecer as pegadas dos animais máis frecuentes nos montes amesáns. As actividades da Aula da Natureza continúan en marzo, cun curso de apicultura os días 19 e 20 e cun taller de elaboración e colocación de caixas niño, o sábado 26.

A saída de rastrexo adiada ía servir como continuación do obradoiro celebrado o pasado sábado 5 na Aula da Natureza, como parte do ciclo “Séguelle a pista”. Este breve programa, dirixido á rapazada de 8 a 16 anos, busca que coñezan as pegadas das especies con maior presenza no noso entorno, e de que poidan identificar os rastros seguindo elementos como as propias pegadas, pelos ou plumas.

Neste senso, na actividade do pasado sábado os rapaces e rapazas puideron coñecer as pegadas máis frecuentes, como diferencialas segundo se os animais teñen dedos ou pezuños, ou ben segundo se marchan a trote, a galope ou a paso. Tamén observaron marcas nas árbores, para poder diferenciar dentes ou esgallos. Ademais, puideron comparar a cor e a forma de varios exemplos de excrementos. A xornada rematou coa visualización dun vídeo sobre o raposo e coa elaboración dunha pegada en xeso.

Próximas actividades da Aula da Natureza

As actividades da Aula da Natureza continuarán ao longo de marzo. Por unha banda, o sábado 19 e o domingo 20 desenvolverase un curso de apicultura dirixido ao público adulto. O sábado 19 terá lugar de 10:00 a 14:00 horas e pola tarde, de 16:00 a 20:00 horas. Mentres, o domingo 20 as clases impartiranse de 10:00 a 14:00 horas.

Por outra banda, o sábado 26 de marzo celebrarase un obradoiro de elaboración e colocación de caixas niño, dirixido a todos os públicos. A proposta tratará de dar a coñecer ás aves insectívoras, chaves para o equilibrio dos ecosistemas e para a agricultura.

Estas aves empregan pequenos furados de troncos ou ramas de árbores vellas para resgardarse do frío, das chuvias e dos depredadores. Hoxe en día hai cada vez menos árbores que cumpran con estas características, polo que a colocación de niños axuda a suplir esta necesidade, provocando o incremento e a estabilidade das poboacións, así como a conservación do hábitat e da biodiversidade.

Previamente á celebración da saída, realizarase unha charla de introdución a estas especies, para despois marchar ao monte e comezar a colocar os niños nas árbores axeitadas.

A actividade desenvolverase de 11:00 a 18:00 horas na Aula da Natureza, e conta con 25 prazas. Haberá servizo de autobuses para achegarse á Aula dende os dous núcleos principais de Ames. En Bertamiráns, dende o Pazo da Peregrina, os autobuses sairán ás 11:15 e volverán ás 17:45 horas. Pola súa parte, dende a Casa da Cultura do Milladoiro, a ida e a volta terán lugar ás 11:00 e ás 18:00 horas. Para inscribirse, cómpre enviar esta ficha de inscrición ao correo auladanatureza@concellodeames.gal.

Adiada pola previsión meteorolóxica a saída de rastrexo diúrno da Aula da Natureza

Multimedia

  • Adiada pola previsión meteorolóxica a saída de rastrexo diúrno da Aula da Natureza
  • Adiada pola previsión meteorolóxica a saída de rastrexo diúrno da Aula da Natureza
  • Adiada pola previsión meteorolóxica a saída de rastrexo diúrno da Aula da Natureza
  • Adiada pola previsión meteorolóxica a saída de rastrexo diúrno da Aula da Natureza
  • Adiada pola previsión meteorolóxica a saída de rastrexo diúrno da Aula da Natureza