- Tematica
A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado venres 3 de decembro a adxudicación do proxecto de mellora da estrada que conecta ás aldeas de O Mercuto e O Vilar, na parroquia da Ameixenda. As obras, incluídas no plan POS+ 2020 da Deputación da Coruña, foron adxudicadas á empresa Martínez Montes e Hijos, SL, por un importe de 80.978,85 euros. Mellorarase o estado do firme ao longo de 1,14 quilómetros, así como a seguridade das gabias e a drenaxe e recollida de pluviais.
Os traballos de renovación realizaranse nunha estrada co firme en mal estado, na que se busca eliminar fochancas e ampliar a anchura das beiravías, á vez que se facilita a drenaxe e a recollida de augas. O proxecto, que actuará sobre unha lonxitude de 1.140 metros e 6 metros de anchura, comezará coa reparación das fochas existentes e co perfilado das mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
A mellora do firme continuará coa aplicación de 5 centímetros de aglomerado en quente tipo AC16 B50/70, co fin de obter unha capa de rodaxe uniforme e segura. Ademais, fresarase o pavimento do principio e do final do tramo de actuación, de 15 e 8 metros de lonxitude respectivamente.
A obra proseguirá coa execución de 105 metros de gabias de seguridade, que se realizarán en formigón sobre 20 centímetros de saburra. Antes, escavaranse as cunetas e instalarase tubaxe de PVC de 400 milímetros de diámetro, con catro arquetas con sumidoiros para a recollida de augas pluviais.
Finalmente, o proxecto rematará coa apertura das gabias e a limpeza dos salvagabias, co fin de facilitar unha correcta drenaxe lonxitudinal e transversal. Estas actuacións irán acompañadas das correspondentes sinalizacións horizontais e verticais. A obra será executada nun prazo máximo de 6 meses.
O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destacou o recente progreso nas tramitacións de obras no rural amesá, dos que espera ver resultados nos próximos meses. “Seguimos ampliando o número de actuacións que están en marcha no rural, tanto con esta adxudicación como coa do saneamento de Buceleiras e Guimaráns, ou as dos interiores de Seares de Arriba e Paramuíño. Esperamos que as obras comecen o antes posible para que as melloras destes núcleos e vías sexan unha realidade”.
Primeira fase da Estrada de Mercuto a O Lombao
Esta actuación forma parte dun proxecto máis amplo de mellora da estrada que une O Mercuto (Ameixenda) co Lombao (Covas) e que terá continuación en distintas fases. A segunda xa está proxectada e orzamentada e mellorará o tramo que une os lugares de O Vilar e Quintáns, na Ameixenda, e que xa foi aprobado no Plan Único do 2021 cun orzamento de 125.073,25 euros, e se licitará no segundo semestre do ano 2022.
“A estrada do Lombao a Mercuto é unha vía de comunicación municipal moi importante do concello que ten máis de 6,5 km que descorre por varios núcleos da parroquia da Ameixenda, pero tamén pasa polas parroquias de Covas e Ames”, di o alcalde Blas García; por iso “é necesario fixar un plan de mellora tanto do firme como da seguridade viaria ao atravesar varios núcleos de poboación, pero tamén por percorrer unha zona ampla de monte que necesita reforzarse en distintos niveis de seguridade”, conclúe o rexedor.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Mellorarase a estrada amesá que vai do Vilar ata O Mercuto"