- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación de dous proxectos, incluídos no POS Adicional 1/2019, por valor de 139.164,35 euros. O primeiro recolle as obras de pavimentación dos viarios interiores do núcleo de Raíces, na parroquia de Biduído, que foron adxudicados á empresa Obras y Viales de Galicia SL (OVIGA SL), por un importe de 74.420 euros. O segundo proxecto foi adxudicado á empresa Construcciones J. Mauri e Hijos SL, por un importe de 64.744,35 euros, para executar a pavimentación do camiño que une os lugares de Tarrío (Bugallido) e Raíces (Biduído).
A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación de dous lotes de obras de pavimentación de camiños e viarios municipais, incluídas no POS Adicional de 2019. Estes proxectos licitáronse por lotes, para non facelo de xeito individualizado. Así, gáñase tempo no proceso administrativo co obxectivo de que os proxectos se adxudiquen e executen o antes posible. As obras adxudicadas son a pavimentación do camiño que vai de Tarrío a Raíces e maila pavimentación dos viarios interiores do núcleo de Raíces.
O concelleiro de Obras, Servizos Básicos e Protección Civil, Blas García, destaca que “no POS+ complementario 2019 están incluídos 7 proxectos, por valor de 777.415,69 euros, que se executarán nas parroquias de Ortoño, Biduído, Covas, A Ameixenda e Bugallido, así como na localidade do Milladoiro. Deste xeito, faise unha aposta clara polo rural con novos investimentos en obras de pavimentación e coa construción duns novos vestiarios no campo de fútbol do Milladoiro e de dúas novas senda peonís de Outeiro a Costoia e de Sisalde ata Agro do Muíño”.
Obras no lugar de Raíces
O proxecto de pavimentación dos viarios interiores do núcleo de Raíces, na parroquia de Biduído, foron adxudicados á empresa Obras y Viales de Galicia SL (OVIGA SL), por un importe de 74.420 euros. A través de ditas obras preténdese a mellora da capa de rodaxe de catro viarios de 80x4,00; 120x8,00; 700x5,00 e 400x5,00 metros, con seis centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, previa reparación de baches e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
Tamén se pretende a execución de 120 metros (80 e 40 metros) de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizará tubería de PVC de 315 milímetros de diámetro e executaranse 5 arquetas con sumidoiro, para recollida de augas pluviais, previa escavación de zanxa e posterior recheo compactado da mesma. Completan a obra a limpeza de gabias e salvagabias para o correcto drenaxe lonxitudinal e transversal e unha partida para adaptación de pozos e arquetas á nova rasante.
Mellora do camiño que vai de Tarrío a Raíces
O segundo proxecto foi adxudicado á empresa Construcciones J. Mauri e Hijos SL, por un importe de 64.744,35 euros, para executar a pavimentación do camiño que une os lugares de Tarrío (Bugallido) e Raíces (Biduído). Neste caso actuarase nun camiño cunha lonxitude total de 835 metros e dividido en cinco treitos de 400x4,00; 110x9,00; 90x5,00; 50x4,00 e 185x4,00 metros. Preténdese así a mellora da capa de rodaxe con seis centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, previa reparación de baches e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
Tamén se vai pavimentar un sobreancho de 30x20,00 metros, con dez centímetros de grava, tratamento asfáltico semiprofundo e seis centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, previo acondicionamento, nivelación e rasanteo da explanación. Contémplase a obra coa execución de 286 metros (190 e 96 metros) de cuneta de seguridade revestida de formigón, baixo a que se canalizará tubería de PVC de 315 mm. de diámetro e executaranse 7 arquetas con sumidoiro para recollida de augas pluviais, previa escavación de zanxa e posterior recheo compactado da mesma.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Adjudicadas en el rural amiense dos obras de pavimentación por 139.164 euros"
El Correo Gallego: "Mejoras viarias para Raíces y en el camino que enlaza con Tarrío"
Lindeiros: "Ames adxudica a mellora de camiños en Raíces e Tarrío"
Revista Ames Go: "140.000€ para mellorar os viarios de Raíces e Tarrío"