- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación da obra de ampliación da rede de saneamento no lugar de Castelo. O proxecto foi adxudicado á empresa SYR-AMG SL, por un importe de 27.455,37 euros (IVE incluído). A actuación sufrágase cunha partida de fondos vinculada ao Ciclo Integral da Auga.
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o expediente de licitación mediante procedemento aberto simplificado abreviado e un único criterio de adxudicación (factor prezo), das obras de rede de saneamento no lugar de Castelo, actuación vinculada ao Ciclo Integral da Auga.
Este proxecto recolle a ampliación da liña de saneamento para unha serie de vivendas que se atopan na marxe esquerda da estrada que vai de Castelo cara Proupín. Deste xeito, vaise conectar pola parte traseira de ditas vivendas, mediante un sistema de impulso por bombeo, á rede xa existente.
Así, adxudícase o proxecto á empresa SYR-AMG SL, por un importe total 27.455,37 euros (IVE incluído). A duración inicial do contrato será de 6 meses, a partir do día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación do replanteo, salvo que exista reserva fundada que impida o seu comenzo. O contrato só será prorrogado concorrendo as circunstancias e requisitos esixidos pola lexislación vixente.
Preténdese a execución dunha rede de saneamento con 28 metros de tubería. Instalaranse 3 pozos de rexistro en calzada e 3 arquetas de saneamento. Esta rede conducirase a un pozo de bombeo que disporá dun conxunto de dúas bombas iguais, unha delas de reserva, sendo cada unha delas una electrobomba somerxible, con impulsor monocanal, para achique de augas fecais con corpos en suspensión ou filamentosos, construída en aceiro inoxidable, cunha potencia de 0,75 kW.
Debido a escasa pendente da rede procederase ao formigonado da base. Ademais será necesario o reforzo da tubería con formigón e recrecido do camiño con zahorra na zona na que se instalará unha das arquetas. Dende o pozo de bombeo conducirase ata a rede municipal xa existente mediante unha tubería de impulsión. Posteriormente a instalación da tubería, procederase ao recheo e compactación do foxo. Unha vez instaladas as redes procederase a reposición dos pavimentos nas zonas necesarias.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “a través desta obra poderase dotar de saneamento a un grupo de vivendas do núcleo de Castelo que non dispoñían deste servizo. Desta maneira, o goberno municipal continúa dotando de saneamento a aquelas vivendas das aldeas nas que aínda non funciona, co obxectivo de mellorar os servizos que se ofrecen no rural amesán”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Adjudican la ampliación de la red de residuales en el lugar de Castelo, en Ames"
Lindeiros: "Ames adxudica a ampliación do saneamento en Castelo"