Pestanas principais

Adxudícanse as obras de mellora da accesibilidade na Casa do Concello e nas Oficinas xerais e Biblioteca do Milladoiro

Martes, 04 de abril de 2017

[04-04-2017] A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación das obras de mellora da accesibilidade na Casa do Concello, na planta alta das Oficinas Xerais do Milladoiro e na Biblioteca municipal do Milladoiro. Trátase da primeira fase dun proxecto municipal de mellora da accesibilidade en varias instalacións municipais. Estas obras foron adxudicadas á empresa OVIGA SL por un importe de 112.420 euros (IVE incluído). A primeira fase deste proxecto será sufragada a través do Plan de Acción Social da Deputación da Coruña. Na segunda fase preténdese mellorar o edificio do Pazo da Peregrina e os que están ao seu arredor (a Casa da Froita, a Casa dos Caseiros e a Capela) así como a planta baixa das Oficinas xerais do Milladoiro.

Este proxecto municipal de mellora da accesibilidade desenvolve e concreta a definición das obras de accesibilidade que se van executar en varios dos edificios públicos de Ames, para adaptar á normativa vixente tanto o entorno próximo de achegamento aos edificios, o seu acceso e a utilización interior dos espazos tanto en itinerario vertical como horizontal, así como o uso dos servizos públicos para todas as persoas sen discriminación.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “as obras desta primeira fase do plan de mellora da accesibilidade municipal van con atraso debido a que a empresa que quedou en primeira posición no procedemento de licitación, non cumpría os requisitos de cualificación técnica recollidos nos pregos e houbo que optar pola empresa que estaba en segunda posición, polo que se alongaron os prazos de adxudicación de ditas obras”.

A través das obras que se van a executar na Casa do Concello vaise habilitar unha zona de aparcamento adaptado, adaptaranse os pasos de peóns máis próximos e os accesos de achegamento peonal ao edificio. Ademais, vaise instalar no exterior da Casa do Concello unha rampla e unha plataforma elevadora. No interior do edifico está previsto que se substitúa o actual ascensor por un de uso adaptado e construirase un aseo adaptado na planta baixa de uso público. Tamén se substituirán portas, mobiliario de uso público, colocarase un panel informativo adaptado e haberá axuda técnica para as persoas xordas na atención cidadá do rexistro municipal.

Por outra banda, na zona exterior da Biblioteca do Milladoiro realizaranse obras para habilitar unha praza de estacionamento adaptada, adaptarase a parada de autobús que se atopa ao carón da biblioteca, e os pasos de peóns máis próximos. No que se refire ao edifico vaise a construír unha rampla de aceso e no interior vaise a executar un aseo en cada planta e substituír algún mobiliario existente. Por último, nas oficinas de servizos sociais e atención veciñal do Milladoiro vaise adaptar o aparcamento da zona anexa, os pasos de peóns máis próximos e adaptarase a rampla existente na planta superior de ditas oficinas.

Por último, Blas García tamén apuntou que “se realizaron obras de mellora da accesibilidade no anexo da Casa da Cultura de Bertamiráns para dar acceso ás persoas con diversidade funcional pola porta exterior que hai na entrada dende a rúa Poeta da Maía”. Asemade apuntou “este goberno municipal está demostrando que aposta pola mellora da accesibilidade con feitos e que está sensibilizado cos problemas que teñen as persoas con diversidade funcional para poder moverse por Ames. Para iso vamos desenvolver este plan de accesibilidade, que está dividido en dúas fases. Este é un traballo que vamos a desenvolver durante todo o mandato e que nos fixamos como prioridade”.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Adxudicadas as obras de mellora da accesibilidade en edificios públicos de Ames"
La Voz de Galicia: "El consistorio de Bertamiráns y las oficinas de Milladoiro tendrán accesos adaptados"