- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación dun conxunto de 40 actuacións no rural do concello relacionadas coa seguridade viaria, incluídas nos Orzamentos Participativos de 2020 e no Plan Ames Progresa 2021-2023. O proxecto foi adxudicado á empresa SYR-AMG SL por un importe de 118.222,52 euros, que se empregarán para a instalación de elementos de seguridade, como bandas sonoras ou espellos, a colocación de novos sinais verticais, o pintado de estradas e de pasos de peóns, ou a mellora de firmes e a limpeza de gabias.
As once parroquias de Ames vanse beneficiar en materia de seguridade viaria dun novo proxecto do Concello de Ames dirixido ás infraestruturas do rural, que inclúe 40 actuacións en materia de sinalización, instalación de elementos de seguridade, pintado, mellora da capa de rodaxe e limpeza de gabias. A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 22 de setembro a adxudicación desta actuación á empresa SYR-AMG SL, por un importe total de 118.222,52 euros, incluídos no Plan Ames Progresa 2021-2023.
A proposta para un proxecto de mellora da seguridade viaria para as parroquias de Ames foi a opción máis votada pola veciñanza nos Orzamentos Participativos de 2020, na que o rural contaba cunha partida duns 120.000 euros. Estes resultados amosaron a necesidade de traballar para reducir e minimizar os riscos e mellorar a seguridade viaria nas parroquias e lugares amesáns.
40 actuacións nas once parroquias de Ames
O proxecto engloba unha serie de reformas nas once parroquias do concello. Agrón contará con sete melloras, como a colocación de dous espellos convexos, na Garea e na estrada Garea – Calo; a instalación de dous lombos de asno, en Arufe; unha sinal de estrada sen saída, no Galiñeiro; dous treitos de barreiras de seguridade, en Sandar e na Garea, e a reparación de fochancas ao longo da parroquia.
No caso da Ameixenda, haberá catro actuacións, que inclúen o pintado de catro pasos de peóns en Cortegada e Quintáns e a colocación dunha sinal de stop nesa mesma zona, ademais da execución de dous lombos de asno e de dúas sinais de dirección na estrada que conecta a parroquia con Tapia.
Pola súa banda, a parroquia de Ames contará con tres melloras, como un novo stop, no viario de Barouta a Pedrouzos; a colocación de 16 paneis en curva no viario do Lombao á Ameixenda, e dun espello convexo en Pousada.
Na parroquia de Biduído actuarase en sete puntos, con seis novos pasos de peóns elevados en Raíces e nas estradas Casanova – Biduído de Abaixo e Biduído de Arriba – Ventín; un novo sinal de stop, na Agriña; a execución de dous lombos de asno, na estrada Fraíz – Costoia; e a colocación de catro sinais de limite de velocidade, nas estradas Casanova – Biduído de Abaixo e Casanova – A Igrexa.
Por outra parte, en Bugallido executaranse cinco obras, que inclúen o pintado de nove pasos de peóns; a colocación de seis lombos de asno en Quistiláns, Guimaráns e na estrada Guimaráns – Biduído, e a instalación dun sinal de paso prioritario.
En Covas realizaranse tres proxectos. Pintarase a estrada Bertamiráns – O Lombao, e sinalizaranse os pasos de peóns da vía, ademais do pintado dun novo paso para peóns no propio lugar do Lombao.
Ademais, a parroquia de Lens contará cunha mellora no lugar de Lens, no que se colocarán tres espellos convexos para o tráfico.
A parroquia de Ortoño contará tres novas actuacións, como a execución de dous lombos de asno, en Lapido; a colocación dunha barreira de seguridade, no Instrumento, ou o pintado dun paso de peóns, en Ortoño.
Por outra parte, a estrada A Igrexa – Vilaverde, na parroquia de Piñeiro, vai gozar de dúas actuacións, coa mellora do seu firme e a limpeza das súas gabias, ademais da instalación de dous sinais de stop.
No caso da parroquia de Tapia, haberá catro melloras. Colocaranse dúas sinais de dirección na estrada a Tapia; instalaranse dúas bandas sonoras no Galiñeiro; mellorarase a capa de rodaxe e limparanse as gabias da estrada á Ameixenda, e colocaranse alí dous sinais de curva perigosa e dous paneis direccionais en curva.
Por último, en Trasmonte actuarase no lugar de Suevos, onde se aumentará o ancho da vía e se procederá á canalización de pluviais.
Investimento para mellorar a seguridade viaria
O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explicou que “este investimento de preto de 120.000 euros, que permitirá mellorar a seguridade viaria nas once parroquias de Ames, é un compromiso que tiñamos adquirido coas asociacións veciñais do rural, a través dos Orzamentos Participativos, e que trataremos de executar o antes posible”.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destaca que “damos cumprimento ao compromiso adquirido coa veciñanza do rural nos Orzamentos Participativos, que amosaron que a seguridade no noso rural era unha das problemáticas que máis lles preocupa. Desenvolverase un proxecto que identifica os problemas de seguridade viaria no rural nas once parroquias e poranse en marcha numerosas actuacións para mellorala: sinalización, pintado de pasos de peóns, colocación de espellos, barreiras de seguridade, etc”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Adxudícanse no rural amesán 40 traballos en prol da seguridade viaria"
AMSGO!: "Ames prepara 40 obras no rural para mellorar a seguridade viaria"