- Tematica
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación das obras de mellora do acceso ao núcleo de Trasmonte, na súa parroquia homónima. As obras, incluídas no POS+ 2021 da Deputación da Coruña, foron adxudicadas á empresa Martínez Montes e Hijos SL, por un importe de 152.339 euros. O proxecto inclúe a mellora da capa de rodaxe a e a construción dunha gabia de formigón.
O Concello de Ames continúa coa execución de melloras no seu viario, desta volta no núcleo de Trasmonte, situado na parroquia do mesmo nome. A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación dunhas obras por 152.339 euros á empresa Martinez Montes e Hijos SL, que servirán para mellorar o asfaltado e construír unha cuneta transitable de formigón.
Nunha lonxitude de 825 metros e cun ancho medio de 5 metros preténdese a mellora da capa de rodaxe, coa aplicación de aglomerado en quente, previa reparación de fochancas, e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
Ademais, en 660 metros do mesmo trazado contémplase a continuación da gabia transitable de formigón, cun ancho medio de 1,5 metros baixo a que se canalizará a recollida de pluviais e o alumeado público, cos seus correspondentes sumidoiros e arquetas.
A actuación está incluída no POS + 2021 da Deputación da Coruña, ao igual que outras melloras nas infraestruturas do rural recentemente licitadas, como a pavimentación da estrada de Eirapedriña, en Bugallido, cun orzamento base de 162.708,24 euros, ou a mellora dos interiores de Pedras, na parroquia de Ames, cun presuposto de 76.887,08 euros.
O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, quixo poñer en valor a aposta do Goberno municipal polo rural amesán. “Estamos traballando e mellorando moitos núcleos a bo ritmo, ademais de realizar outros investimentos importantes como o alumeado led ou a mellora dos servizos no rural".
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Mellorarán a estrada que dá acceso á aldea de Trasmonte"
AMS GO!: "Aprobadas obras no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro e no acceso ao núcleo de Trasmonte"
Enfoques: "Adjudicadas las obras de mejora del acceso a Trasmonte, en Ames"