Pestanas principais

Adxudícanse as obras de pavimentación das rúas Pardiñeiros, Seidón e Panasqueira do Milladoiro por 98.714 euros

Sábado, 09 de novembro de 2024

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o pasado 31 de outubro a adxudicación das obras de pavimentación das rúas de Pardiñeiros, Seidón e Panasqueira, situadas no Milladoiro. O proxecto, que forma parte do POS+ 2024 da Deputación da Coruña, foi adxudicado á empresa Excavaciones y Obras Candal SL por un importe de 98.714,18 euros (IVE incluído). A través destas obras mellorarase a capa de rodaxe nunha superficie de 5.350 metros cadrados de ditas rúas. Esta actuación súmase a xa executada nas rúas do Muíño Vello, Agro do Medio, do Rego e de Abaixo, nas que se investiron 301.580,65 euros para mellorar a súa capa de rodaxe.

O Concello de Ames continúa o seu investimento nas infraestruturas tanto das parroquias do rural coma dos núcleos urbanos. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación das obras de pavimentación das rúas de Pardiñeiros, Seidón e Panasqueira, situadas no Milladoiro. Este proxecto, que está incluído no POS+ 2024 da Deputación da Coruña, foi adxudicado á empresa Excavaciones y Obras Candal SL por un importe de 98.714,18 euros (IVE incluído).

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, destaca que “esta actuación enmárcase dentro do plan de mellora das estradas dos núcleos urbanos e do rural de Ames. Desta volta, tócalle ao núcleo urbano do Milladoiro, onde recentemente xa se mellorou a pavimentación de varias rúas: Muíño Vello, Agro do Medio, do Rego e de Abaixo. Estas rúas son moi transitadas e necesitaban unha mellora da capa de rodaxe. Agora vanse a mellorar outras tres rúas máis do Milladoiro: Pardiñeiros, Seidón e Panasqueira. En total, nas obras destas sete rúas do Milladoiro vanse a investir máis de 400.000 euros”.

O alcalde de Ames, Blas García, explica que coa adxudicación desta obra “avanzamos na tramitación dos expedientes dos proxectos incluídos no POS+ 2024, que foi aprobado en Pleno no pasado mes de febreiro. Trátase dunha importante actuación porque vai completar a mellora das rúas interiores do núcleo urbano do Milladoiro, iniciada xa a través do POS+ 2022”.

Pavimentación das rúas Pardiñeiros, Seidón e Panasqueira
As actuacións contempladas na rúa Pardiñeiros teñen por obxecto a mellora da capa de rodaxe dunha superficie de 3.885 metros cadrados. Con este fin proxéctase a execución dunha capa de 5 centímetros de mestura bituminosa en quente tipo AC 16 surf 50/70 a toda a plataforma, previo fresado de 5 centímetros da superficie actual. A actuación completase coa reposición completa da sinalización horizontal da vía.

Na rúa Seidón vaise renovar o pavimento nunha superficie total de 495 metros cadrados. Para elo, prevese a execución dun novo pavimento de formigón de 15 centímetros de espesor na superficie de 325 metros cadrados e de 10 centímetros na superficie de 170 metros cadrados, sobre zahorra para a súa correcta nivelación, previa demolición de 355 metros cadrados de firme existente.

Por último, na rúa Panasqueira vaise mellorar a capa de rodaxe dunha superficie de 970 metros cadrados. Con este fin proxéctase a execución dunha capa de 5 centímetros de mestura bituminosa en quente tipo AC 16 surf 50/70 a toda a plataforma, previo fresado de 5 centímetros da superficie actual. A actuación completase coa reposición completa da sinalización horizontal da vía.

Rúa Pardiñeiros

Multimedia

  • Rúa Pardiñeiros
  • Rúa Panasqueira
  • Rúa Panasqueira
  • Rúa Seidón