Pestanas principais

Adxudícanse as obras de pavimentación das rúas Poeta da Maía, Xesteira e Fieira, en Bertamiráns, por 110.364 euros

Venres, 06 de decembro de 2024

A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar as obras de pavimentación nas rúas Poeta da Maía, Xesteira e Fieira, en Bertamiráns. Dito proxecto foi adxudicado á empresa CANARGA SL por un importe de 110.364 euros. Esta obra está sufragada a través do POS+ 2024 da Deputación da Coruña.

Tres rúas da contorna da praza de Chavián e da parte oeste da avenida da Maía, en Bertamiráns, van gozar dunha mellora na súa capa de rodaxe, despois de que a Xunta de Goberno Local aprobase a adxudicación de dito proxecto á empresa CANARGA SL por importe de 110.364 euros. As obras de mellora afectarán ás rúas Xesteira e Fieira, situadas á altura da praza de Chavián, ao sur da avenida da Maía; e á rúa Poeta da Maía, que conecta esta avenida coa zona do Pedregal.

As actuacións que se recollen neste proxecto teñen por obxecto a mellora do pavimento nas rúas Poeta da Maía, Xesteira e da Fieira, no núcleo urbano de Bertamiráns. Con este fin executarase unha nova capa de rodaxe a toda a superficie das rúas con 5 centímetros de mestura bituminosa en quente, previo fresado. Na rúa da Fieira tamén se acondicionará unha nova superficie de 185 metros cadrados mediante 15 centímetros de zahorra, 15 centímetros de grava con tratamento asfáltico semiprofundo e 5 centímetros de mestura bituminosa en quente como capa de rodaxe. As actuacións complétanse coa correspondente sinalización horizontal.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “neste caso vaise actuar sobre tres rúas do núcleo urbano de Bertamiráns que precisan unha mellora do pavimento. Estas actuacións permiten mellorar a seguridade viaria na zona. Deste xeito, seguimos avanzando co POS+ 2024, que combina actuacións no rural coma nos núcleos urbanos do concello”.

Outras actuacións do POS+ 2024
Recentemente tamén se inicio o expediente de licitación dos proxectos de obras da senda e pavimentación do lugar de Coira, en Biduído; de Seares de Abaixo, na parroquia de Ames, de mellora da seguridade viaria dende O Mercuto ata O Vilar, ambos lugares pertencentes á parroquia da Ameixenda; e das obras de pavimentación de viarios no núcleo de Casanova, na parroquia de Biduído.

Ademais, hai que sumar a adxudicación das obras de pavimentación das rúas Pardiñeiros, Seidón e Panasqueira, no Milladoiro.  Estes cinco proxectos están incluídos dento do POS+ 2024 e suman un investimento total de 855.926 euros.

Dos seis proxectos sufragados con cargo as “Achegas 2023 e 2024” do POS+ 2024, dous están adxudicados e catro atópanse na última fase de licitación. Deste xeito, o investimento total a través do POS+ 2024 achégase ao millón de euros, sen ter en conta o POS+ Adicional 2/2024, a través do cal o Concello disporá de 986.033 euros a maiores.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Aprobada por 110.364 euros la pavimentación de tres calles de Bertamiráns"

Rúa Poeta da Maía

Multimedia

  • Rúa Fieira
  • Rúa Xesteira